O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, subscribiu na mañá deste venres 26 de maio o convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Concello para a implantación do ciclo formativo de Formación Profesional Básica de Cociña e Restauración na modalidade dual nas instalacións do Mercado Municipal. O curso está activo dende o curso 2023-2024 e estará coordinado dende o CIFP Coroso.

A achega destas ensinanzas nas instalacións do Mercado Municipal realizarase:
• O primeiro curso do ciclo formativo de formación profesional básica de cociña e restauración, curso 2023-2024, na aula taller de cociña, sita no segundo andar do Mercado Municipal.
• O segundo curso do ciclo formativo de formación profesional básica de cociña e restauración, curso 2024-2025, nun taller de restaurante e cafetería que se implantará no primeiro andar do Mercado Municipal.
O Concello de Ribeira asume o compromiso de poñer a disposición da Consellería as instalacións referidas, así como de acondicionar os espazos e prover o equipamento necesario para impartir as ensinanzas obxecto da colaboración.

Neste senso, para o curso 2023-2024 porá a disposición as instalacións do segundo andar onde se impartirán os módulos do primeiro curso do ciclo na aula taller de cociña e realizará unha serie de intervencións de equipamento. Para a dotación deste material tomarase como referencia 30 comensais.
Inauguradas en outubro de 2019, as instalacións de cociña e hostalería do mercado deron formación ata agora a tres obradoiros de emprego: O Pote I, O Pote II e Tahume VII, este último actualmente en funcionamento compartido entre Ribeira e Porto do Son e que se prolongará ata o mes de setembro.



