Este venres 5 de maio presentouse en Ribeira unha das actividades que o Colexio Bayón ten programadas para celebrar as Letras Galegas: O Andatón. No acto participaron os alumnos e alumnas da ESO acompañados polo seu profesorado e equipo directivo. Tamén participou o xurado, formado por Alicia Padín Otero (técnica do servizo de Normalización Lingüística do Concello, Jontxu Argibay (artista e escultor que non puido estar presente), Mª Eugenia Gómez Vidal (xerente da Galería O Faiado) e Mariola Sampedro (concelleira de Cultura), que anunciaron os nomes das gañadoras e gañadores do premio ao mellor deseño da camiseta que vestirán este ano durante a realización da proba. As datas nas que se celebrará O Andatón serán os días 16 e 17 de maio, ao igual que nas anteriores edicións

O acto deu comezo ás 11 da mañá na sala multiusos do centro cando o director Jorge Parada presentou os membros ao alumnado e unha das profesoras presentou deste xeito a actividade: “Hoxe é para nós un día moi especial, porque despois dun paréntese de 3 anos, por fin podemos retomar unha actividade tan nosa como é o Andatón, o que nos fai moitísima ilusión presentar ante todos vós, e que de non ser polo COVID, cumpriría xa a súa 25 edición”. E engadiu: “Para o noso cole a realización de actividades lúdico-deportivas vén sendo un signo de identidade, xa que levamos décadas comprometidos en transmitir aos nosos rapaces e rapazas algo máis que coñecementos, aspirando a unha formación integral que inclúa o fomento do ocio saudable, coas nosas actividades extraescolares como multideporte, baile ou Taekwondo e participando sempre na iniciativa de Deporte Escolar Panos Brancos conta a Droga ou realizando roteiros no noso propio Clube de Sendeirismo”.

Coa nova edición do Andatón, o alumnado de Secundaria percorrerá a xeografía do concello,a s súas parroquias e desfrutando da paisaxe local. A andaina polas letras comezará na senda que percorre a ría dende Ribeira a Aguiño, pasando tamén por punta Couso e a lagoa de Vixán, para enfiar cara a praia do Vilar e continuar pasando por Artes cara a Corrubedo, Teira e Espiñeirido. Dende aí, a continuación, toca o ascenso ao monte Tahume para gozar das súas impresionantes vistas das rías de Arousa e Muros-Noia, rematando a etapa co seu descenso cara a Campelos e Oleiros.
Tras pasar a noite nas instalacións do cole convivindo alumnado, profes e familias, que virán de visita, encararán a derradeira etapa, na que partindo de Oleiros, volverán ao centro pasando polos Muíños, Moldes, Palmeira e o seu porto, Río Azor e Coroso.
Para rematar, o xurado comunicou que a camiseta gañadora, escollida polo alumnado e o xurado, foi a dun equipo de nenas de 3º de ESO e que amosaron o deseño escollido a todos os presentes e que recibiron o aplauso dos seus compañeiros, compañeiras, profesorado…



