O alumnado do IES Poeta Añón de Outes solicita formalmente aos grupos da Corporación un espazo público co nome de Fernando Pessoa

03 Maio 2023

O alumnado de cuarto de ESO do IES Poeta Añón de Outes presentou perante os grupos políticos que forman o pleno do Concello a súa proposta de nomear un espazo público co nome do escritor portugués Fernando Pessoa, quen, lembraron que por liña materna era descendente dunha familia outense emigrada a Portugal. O conxunto das forzas políticas felicitaron e apoiaron unanimemente esta iniciativa que, en palabras do alcalde, Manuel González, “vai ser estudada para encontrar un espazo público do concello para lle dedicar ao autor”.

O alumnado recordou que “aínda que Fernando Pessoa non nacese no noso territorio, a súa relación con Galiza está documentada grazas á investigación realizada por Carlos Quiroga no seu libro Raízes de Pessoa na Galiza, publicada en Através Editora”.

Indagación na pegada galega en Portugal

A ascendencia de Pessoa serviu de pretexto para o alumnado indagar sobre a emigración galega a Portugal. Entre as conclusións extraídas, figura un enriquecemento cultural mutuo e recíproco: “No proceso de integración a un novo contexto, a emigración galega non só asimilaría parte da cultura material e inmaterial da colectividade en que se insería, senón que, á súa vez, deixaría unha importante pegada nela de interese histórico e cultural”, explicaron os estudantes na súa investigación. En relación con estes aspectos, o alumnado realizou un estudo dalgúns trazos que caracterizaron este fenómeno migratorio.

Desde as aulas, e para afianzar a súa petición aos grupos da Corporación local, editaron unha colección de vídeos breves para difundir estes contidos e completar o proxecto. Por tanto, a solicituide do alumnado tamén servirá de homenaxe perenne para todas aquelas persoas galegas e outenses que tiveron que partir a Portugal, ben por motivos políticos ou económicos, como foi o caso do poeta Francisco Añón ou como Caetano Dionisio de Lens, o elo de Pessoa con Outes.

Esta iniciativa naceu no mes de decembro encadrada no proxecto educativo De Outes a Lisboa com Fernando Pessoa promovido polos departamentos de Lingua Galega e Historia co propósito de investigar a historia local e estimular a aprendizaxe por servizo. Foi, alén disto, inspirada no espírito da Lei Paz Andrade, que, segundo lembran, “buscaba fomentar os vínculos coa Lusofonía mediante o impulso da lingua galega nun contexto internacional”, tal e como se recolle no currículo educativo da ESO.

En Youtube xa foi subido un vídeo coa intervención do alumnado no pleno do día 27 de abril de 2023.

Tamén foi pendurara en Google a colección de vídeos deste proxecto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...