O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, respaldou ao candidato socialista, Fran Suárez, e ao seu equipo “renovado, cheo de persoas profesionais, competentes e que teñen moita ilusión por darlle un meneo a Ribeira”, nun mitin realizado na parroquia de ribeirense de Aguiño.
Neste acto, no que ademais de Lage Tuñas tamén interviron o candidato á alcaldía, Fran Suárez, e Ana Alvite, número dous da lista e natural desta parroquia “con personalidade propia, na que buscan recibir un “gran impulso” e na que queren “acadar un gran resultado que sería vital para decidir o goberno local” despois do 28 de maio.
Lage Tuñas destacou a “renovación” do socialismo ribeirense poñendo en valor ao novo equipo con “xente comprometida coa sua parroquia como Ana Alvite, un bo exemplo de competencia e profesionalidade, dentro do gran equipo que encabeza Fran Suárez-Puerta”, sostivo.
Da candidatura socialista subliñou que está conformada por “persoas preparadas, que lle queren ao seu pobo e que creen que Ribeira pode ter outro goberno diferente para mellorar a vida da xente”. É para el “un novo equipo do PSdeG que xa está preparado para gobernar e poñer fin a moitos anos de PP en Ribeira”, alegou.
O secretario de organización socialista tamén dedicou unhas palabras a Rueda e o PP, aos que recriminou que se ven na obriga de “falar de cousas que non importan á xente porque non teñen proxecto” e cre que “por iso agochan aos seus candidatos, porque non teñen o orgullo que temos nós polos nosos”.
Para Lage, as “cousas que lle importan aos veciños e veciñas é ter un doutor ou doutora, un pediatra que nos atenda cando nós, os nosos pais ou os nosos fillos temos algún problema”, polo que solidarizouse coas recentes protestas da veciñanza de Corrubedo e de Palmeira pola falta de facultativos no centro de saúde. Por iso, ante a visita de Rueda do propio domingo, dixo que “non ten vergonza vindo polo Barbanza a pedir o voto cando o PP ten abandonada a esta vila e a esta comarca”.
Pola súa banda, o candidato Fran Suárez puxo en valor os proxectos que teñen para “mudar a parálise que sofre Ribeira despois trinta e dous anos de gobernos do PP, onde vemos como outros concellos avanzan e o noso queda parado”. Para solucionar iso, Suárez considera que “Aguiño precisa un cambio, Ribeira precisa un cambio”, para o que “a única saída é o Partido Socialista”.
Do mesmo xeito, resaltou que “os veciños e veciñas de Aguiño non se merecen un goberno municipal que non cumpra as súas promesas”, o que di que “vaise acabar cando goberne o PSdeG-PSOE nesta vila”.
Tamén interviu a número dous da candidatura e natural da parroquia de Aguiño, Ana Alvite, quen sinalou que a agrupación socialista de Ribeira traballan para “buscar solucións a todos os problemas que está a ter o noso concello, tanto se entramos no goberno como si toca facer oposición, estamos comprometidos a facer todo o que estea nas nosas mans para darlle a todos os veciños e veciñas o que precisen nas súas parroquias”.
Alvite, que tan só ten 22 anos e está a piques de rematar a carreira de Enfermaría, puxo en valor que “somos unha candidatura moza, unha candidatura nova, que lle queremos dar unha volta ao estancamento que está a sufrir o noso concello”.
Asegurou que “estamos preparados, temos ganas de escoitar aos nosos veciños e sabemos que este 28 de maio Ribeira vai a cambiar de rumbo, vai a cambiar cara á esquerda cun goberno encabezado por Francisco Suárez-Puerta Colomer”, concluíu.