Municipais 2023: Besteiro reivindica dende Noia o escudo social do Goberno para afrontar a post-pandemia

O socialista José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno en Galicia, visitou Noia este mércores 24 de maio, vila onde reivindicou o escudo social despregado polo Executivo central para afrontar a post pandemia. Nun percorrido pola vila acompañando ao candidato socialista Fran Pérez, emprazou a votar o próximo domingo “lembrando quen estivo atendendo aos problemas da xente”.

O delegado do Goberno en Galicia puxo o foco “no risco de que o voto do próximo domingo pode facer desaparecer a rede social despregada polo Estado, que depende dunha conexión fundamental coa rede municipal que representan os candidatos socialistas coma no caso de Noia”. Foron eles, lembrou, os encargados de “defender e xestionar os intereses e os dereitos dos veciños e das veciñas”.

O responsábel socialista enxalzou a importancia da Lei de Pesca Sustentábel para localidades costeiras como é o caso de Noia, onde as mulleres traballadoras no marisqueo a pé, as redeiras, bateeiras ou percebeiras están a ver como esta norma recoñece o coeficiente redutor que “lles ofrece mellor futuro e unha mellor xubilación”.

Este “escudo de obras, infraestruturas e mecanismos de defensa social”, dixo, “vén de ser recoñecido pola Rede Europea contra a Pobreza”. Esta entidade advertiu que, de non existir o conxunto de actuacións amparadas por unha administración potente para responder fronte á crise, “hoxe falaríamos de cifras espectaculares de pobreza” e practicamente dunha “auténtica crise e traxedia nacional”, engadiu Besteiro, que tamén contrastou o traballo do Goberno e a aposta dos candidatos e candidatas socialistas por “presentar proxectos e ideas para o futuro” fronte a un Goberno galego que, segundo dixo, “mira para outro lado e retira a Tarxeta Básica en momentos de dificultades”. Censurou que o PP teña centrado a campaña en “cousas que non lle preocupan á maioría dos galegos e das galegas” para agochar aos seus candidatos e a súa falla de proxecto.

Noia

O candidato socialista á alcaldía de Noia, Fran Pérez, recoñeceu o traballo de Besteiro como interlocutor co Estado e o compromiso de intensificar esta tarefa en beneficio de concellos como o de Noia. Pérez defendeu o proxecto socialista “baseado no desenvolvemento económico e en aproveitar a potencialidade desta vila costeira”, dixo, ao tempo que propuxo converter o Concello nun “axente dinamizador” da economía local e que facilite o investimento, mentres en segundo lugar desenvolva o turismo como eixo fundamental que ata o momento “non ten sido explotado correctamente”. Salientou as potencialidades da vila polo seu patrimonio histórico e natural, así como pola súa gastronomía, e reivindicou o seu recoñecemento dentro do Camiño de Santiago.

Para rematar avougou por desenvolver o solo industrial en Noia logo de 30 anos nos que “non foi desenvolvido un só metro” dun recurso “absolutamente necesario”. Dixo que o PXOM “non foi aprobado cando faltaba tan só a aprobación definitiva”, e propuxo “aprobar o documento a lo menos de forma parcial, habilitando a disposición do dito solo industrial”.