Manuel Ayaso: ” Sempre quixen ser artista”. Entrevista en “O Barbanza”

16 Maio 2023

A morte de Manuel Ayaso a últimas horas deste luns conmocionou a Ribeira e en especial a súa parroquia natal, Aguiño. Persoa moi querida na comarca e de intensa actividade, en “O Barbanza” tivemos a honra de entrevistalo para a nosa edición impresa .

En concreto foi no número de setembro de 2019. Reproducimos a páxina da entrevista en homenaxe a quen foi unha destacada e activa personalidade da nosa cultura. D.E.P.

Foto: O Barbanza

Manuel Ayaso: “Sempre quixen ser artista”. Ana Rial

Comezou a súa carreira en Estados Unidos, onde logrou as críticas favorables de publicacións
coma The New York Times. A súa primeira exposición en España foi na Casa de Galicia, en
Madrid, nos anos 90 e, posteriormente, chegoulle a oportunidade de facelo na Casa da Parra, en Santiago.
Outros dos países que acolleron as súas obras foron México e Canadá.
Deste xeito, a arte de Manuel Ayaso (Aguiño, 1934) fíxose internacional.
Agora prepara a súa próxima mostra en La Catedral, Lugo, do 27 de setembro ao 5 de novembro, dedicada ao seu fillo falecido recentemente nun accidente de tráfico, quen lle dicía que se liberase a través da cor. Por iso, as novas pinturas supoñen un cambio empregando tonalidades cálidas e intensas.
A lúa e o mar están presentes en todas elas. E nós tivemos a sorte de ser dos primeiros en contemplar, despois do seu círculo máis próximo, algúns dos seus últimos traballos.

A súa obra denota surrealismo e destaca polo emprego de cores escuras. En que se inspira?

  • “Encontreime ao ver as pinturas negras de Goya, O xardín das delicias de Bosco e o Pórtico da Gloria de Santiago. Ademais, fun criado nas supersticións, nestas cousas das meigas, dos defuntos, dos desaparecidos…
    Levaba todo iso na cabeza de rapaciño. Se miña avoa me mandaba a calquera recado e era noite, dicíame que viñera rápido que me podían aparecer os mortos. E tódolos días había un enterro, especialmente meniños. Despois, de chaval, estiven moi enfermo. Tiven unha pleura mal curada e quedou en tuberculose.
    De noite tiña febres e unhas veces parecía que era un monstruo e outras que era unha cousa pequeniña.
    Leváronme a Tállara, a San Campio, á Lanzada porque disque estaba endemoniado. Tamén fun criado ata os doce anos con escapularios. E dunha volta, en Nova York, coñecín a Salvador Dalí e aconselloume que se era galego tiña que facer cousas de Galicia. Todo iso fíxome pensar e de aí sae a miña obra. Agora pasou unha cousa moi interesante. Eu tiña unha exposición xa preparada para a galería que me representa que é La Catedral, en Lugo, e desgraciadamente morreume un fillo dun accidente de tráfico en Estados Unidos. O meu fillo sempre me dicía: ‘papi, tes que liberarte, tes que facer esas cousas, pero máis grandes e con moita máis cor’. Entón a exposición que vou ter agora no mes de outubro en Lugo, voulla dedicar a el. En marzo empecei a traballar en madeiras e fixen coma sesenta obras, traballando case día e noite. E desa obra escollín trinta e sete que son o mesmo tema, pero liberándome do tenebrismo coa cor, con máis forza. É Ayaso, pero é diferente.”
  • Polo tanto, como describiría o seu estilo?
  • “É un surrealismo expresionista.”
  • O groso da súa obra son gravados, por que esta predilección? “Fago moito gravado porque a min o debuxo e a obra gráfica gústanme moito. A min a finura da liña encántame.”
  • Postulado en numerosas ocasións para Medalla Castelao e nomeada a Casa da Cultura de
    Aguiño na súa honra. Como sinte estes recoñecementos?
    “Coma calquera persoa normal, sénteste orgulloso de, especialmente no pobo onde naceu un, recoñecer o traballo que un fai. Estou encantado.
    E Salvador Dalí tiña unha frase moi bonita que dicía: ‘de min escribide o que queirades, ben ou mal, pero escribide’. O caso é estar diante do público e da xente. Pero o mellor é que escriban ben.”
  • A arte, traballo ou afección? “Para un artista é a vida del. O día que eu non traballo, non estou contento. Agora non tanto, pero teño épocas de non crear tanto e deprimirme. Pásalle a todo o mundo.
    Neste momento levo unha tempada bastante fértil. O artista ten que traballar tódolos días porque o levas dentro. Telo que facer para satisfacer a túa maneira de ser. Telo que expresar e botalo para fóra. Eu estaba na escola en Aguiño e debuxaba os barcos, copiaba a Murillo… Sempre quixen ser artista sen saber despois no que me metía porque ao meu pai dixéronlle uns amigos: ‘disque teu fillo quere ser pintor, pero vai a morrer de fame’. E dille meu pai: ‘pero vai a morrer contento’.”

Outros artigos

Espazos Sonoros chega á Pobra con Sara Ruiz, este 26 de setembro

O ciclo Espazos Sonoros 2026, organizado pola Deputación da Coruña, fará parada no concello da Pobra o vindeiro sábado 26 de setembro cunha xornada que combinará música, patrimonio, historia e literatura e que conta coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.