Comezou a conta atrás para a sétima edición dun festival de música, deporte e cultura urbana xa histórico na nosa comarca e no panorama galego: o Rompetiño Jump de Porto do Son. Celebrase no porto da vila sonense entre o 30 de xuño e o 2 de xullo. Os días pasados a organización comunicou o peche de cartel de artistas, conformándose unha axenda que é en si mesma un compendio-escolma do máis destacado de xéneros como o rap, o trap, o dancehall ou o reggae, entre outros. Ademais, esta edición baterá récords en materia de entradas vendidas. Temos todos os detalles do programa no Facebook do certame.

O evento, coma de costume, porá a disposición dos asistentes unha zona deportiva e de exhibicións. Así, o sábado 1 de xuño desenvolverase a competición de BMX, e ao día seguinte, domingo, a de skate. A isto súmase a de basket (sábado e domingo) e a de breaking (sábado).
Xa no eido musical, o cartel inclúe sobranceiros artistas da escena xuvenil e urbana, como Soto Asa, KayDy Cain, Al Safir ou Hard GZ, alén de figuras emerxentes como a trapeira arxentina Saramalacara.
Entre os artistas convidados están MDA & Ambeats dentro do estilo hiperpop, ou Parkineos, que procede o ámbito techno, aos que suman novas promesas como Kike Varela, Mateo Abelleira ou Deva.
Un dos puntos fortes do cartel deste ano é Soto Asa, que vén de publicar novo disco con Israel B, que tamén acudirá ao festival sonense.
Hard GG, Miranda, Albany, Kaydy Cain, Selecta e Dirty Suc confirmaron igualmente a súa presenza, como tamén o fixo Saramalacara, artista arxentina con máis de 600.000 seareiros en Instagram.
Organiza a Asociación Rompetiño co apoio do Concello e doutras entidades como a Deputación da Coruña.




