“Ayaso, amigo, artista”. Unai González Suárez

18 Maio 2023

Ayaso, amigo, artista.
A miña relación con Ayaso comezou nun breve período no que dirixín o Museo do Gravado de Artes no verán de 2004, cubrindo a maternidade de Carolina, a súa primeira directora; organizamos unha exposición conxunta do artista e o seu inseparable Alfonso Costa e tras saber que eu era de Aguiño, miña avoa Pepita de García e meu tío o seu benquerido amigo da mocidade, José de García, colleume tanto agarimo que non fixo máis que medrar ata o día de hoxe. Daquela vivía aínda en USA e quixo facer un debuxos para ilustrar un poemario meu que aínda non viu a luz, despois cada vez que viña a Galicia visitabame no auditorio, falabamos, facía algún boceto que sempre acaba agasallando a alguén e debullabamos futuros proxectos.

Cando en 2009, dende a asociación Francisco Lorenzo Mariño decidimos nomealo Aguiñés das Artes e Socio de Honra da entidade, con motivo do 50 Aº da fundación da parroquia, a relación estreitouse aínda máis e xa pasou a ser un amigo co que falar, rir, contar anécdotas e co que calquera tempo compartido era garantía dun momento inesquecible.

Con Ayaso, Ribeira e Aguiño en particular e Galicia en xeral, souberon saldar unha débeda de recoñecemento e homenaxe, xa que foron quen de devolverlle parte do moito que el conseguiu levando o noso nome polo mundo adiante, un artista recoñecido a nivel internacional que sempre presumiu de aguiñés de nacemento e ribeirense de corazón.

Ayaso é Fillo Predilecto de Ribeira, Paleta de Prata de ARGA, Premio Barbantia da Cultura Galega, Percebeiro de Honra… A Casa da Cultura da súa parroquia e o atelier do colexio de Aguiño levan o seu nome; é socio honorífico da AFLM de Aguiño e do Liceo Marítimo de Ribeira entre outras entidades, e sobre todo foi un home bo, humilde, sinxelo e xeneroso que agasallaba á xente coa súa arte, que atendía a calquera chamada de participación como pasou nas escolas de Aguiño e Ribeira –nesta última ademais a experiencia foi moi gozosa ao acompañalo a súa adorada filla Mónica, que ilustrou tamén parte dos poemas realizados polos cativos-, nas asociacións, nos museos, no concello; anunciou doar a metade da súa obra ao concello de Ribeira, o que deu na aprobación, por parte da corporación municipal, dunha Fundación Pública co seu legado -a que no futuro albergará a actual biblioteca municipal- conta cunha escultura de bronce na praza do Concello, do amigo e artista Jontxu Argibay e hai cadros seus na igrexa de Aguiño, na casa da Cultura, nos colexios, no concello, nos museos… todos doazóns feitas por el e a súa dona, a súa musa, Lucía Rivas.

Ayaso foi admirador dos máis grandes, pero tiña devoción por Picasso e Dalí; a diferenza deles non era un misóxino como o primeiro nin un usureiro como o segundo, senón todo o contrario, un xenio humilde, sinxelo, de Aguiño, que chegou ao máis alto e sempre presumiu de ter nacido aquí; triunfou antes no estranxeiro onde o consideraban o “Goya” galego e gañou numerosos premios artísticos expoñendo nas mellores galerías de Jersey, Filadelfia ou Nova York.

Tivo que ser xa na última etapa vital onde empezase a recibir os recoñecementos merecidos na súa terra natal tras expoñer na Casa de Galicia en Madrid e na Casa da Parra en Compostela, despois no auditorio municipal de Ribeira, museo do Gravado, Liceo de Noia, Fonseca, María Pita, La Catedral en Lugo, Afundación, Boiro, Pobra, Rianxo e un longo etcétera imposible de enumerar. As súas últimas coleccións foron gravados a punta seca como Reflexos da Costa da Morte ou Kafka ademais dunha mixta a base de mesturas con crustáceos, conchas e outros materiais no Náutico de Ribeira.

Creador dun estilo único, propio, que algúns describirían con palabras altisonantes e cosmopolitas; expresionista, surrealista… con mestura de sentimentos, pesadelos, soños, enfermidade, medos, costume, soidade…, que se poden ler nas súas obras, identificables cunha soa mirada… Todo iso quedará para os entendidos, os analistas ou os críticos, pero Ayaso foi o amante do sinxelo, dos cativos, da natureza, dos miserables, dos humildes… en definitiva, dos máis desfavorecidos ou maltratados, e na súa obra existía tamén a denuncia social, garabateando aos poderosos, como á cúpula da relixión e aos caciques e a influencia que estes tiñan sobre a sociedade, pintando artistas do circo, monicreques, personaxes do entroido, mariñeiros, mulleres, peixes, paxaros, mar, flora… porque na súa obra, máis alá da tristura e o medo existe a loita contra a inxustiza e a esperanza de que o mundo avanza e o triunfo dos humildes, do pobo, da xente, imporase ao poder.

Ayaso foi un artista, un amigo, un aguiñés que sobrevivirá á morte pola súa arte, pero tamén pola súa personalidade, xenerosidade, humildade e paixón polo cotiá; pintar, dar un paseo, botar a partida, tomar un viño, ter unha conversa e amar aos seus, e por seus refírome a todas e cada unha das persoas que tivemos a fortuna de atopalo nesta vida.

Adeus artista, boa singradura e de cando en vez debúxanos unha nube do ceo para saber que segues pintando no alén e poder ver o teu autorretrato por detrás do arco da vella.

Unai González Suárez
Xestor Cultural do Concello de Ribeira
Presidente fundador da AFLM de Aguiño

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...