Ata 36 empresas e servizos turísticos de Barbanza Arousa pasan a avaliación do sistema de calidade SICTED

15 Maio 2023

Un total de 36 empresas e servizos turísticos serán os pioneiros en obter o distintivo de calidade turística SICTED no destino Barbanza Arousa, superando as avaliacións nesta anualidade 2023. Co obxecto de implantar este distintivo, constituíuse a Mesa de Calidade con representantes da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, o Clúster de Turismo de Galicia, dos 4 concellos da Mancomunidade, 5 asociacións empresariais e persoal técnico da Mancomunidade.

Na reunión da Mesa de Calidade, que tivo lugar na sala de xuntas do Concello de Boiro, examináronse os resultados da implantación deste sistema, con 36 empresas que superaron satisfactoriamente as avaliacións. Ademais destas análises, as entidades cumpriron outros requisitos relacionados coa óptima xestión empresarial e dos servizos así coma a recepción de dúas asistencias técnicas individuais, a participación en sesións formativas e asistencias técnicas colectivas.

Realizouse tamén un obradoiro para fomentar o coñecemento do destino e fomentar as sinerxías, coa colaboración de Víctor Barbeito, responsábel do Centro Arqueolóxico do Barbanza, que amosou ás empresas os detalles deste recurso turístico tan valioso no territorio.

Este resultado valorouse moi positivamente pola Mesa de Calidade e tamén por membros de SEGITTUR, no Encontro de Xestores de Destinos Turísticos Intelixentes no que participou a Mancomunidade a semana pasada en Xixón (Asturias) e no que se reuniron máis de 100 destinos turísticos a nivel nacional.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración, comercio ou axencias de viaxes entre outras.

O obxectivo último é “mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector, participar no maior proxecto de calidade turística desenvolvido en España con máis de 9000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional”.

Outros artigos

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión