Este domingo 7 de maio presentouse en Outes o novo libro do escritor local Abel Tomé, quen desta vez atreveuse coa literatura xuvenil enriquecendo as novidades literarias galegas da tempada coa novela xuvenil Liliam Strawberry e o paxaro da morte. Na cita tamén participou outro escritor do concello, Ramón Blanco. En palabras do alcalde Manuel González, presente no acto, “é un orgullo para Outes contar con escritores novos en lingua galega como Abel ou Ramón Blanco”.
A cita (un vermú literario) foi este domingo 7 de maio, na cafetería da Casa da Cultura. Abel Tomé, nado en Outes en 1984, é un xornalista e escritor en lingua galega.
En 2017 quedou finalista do Premio Illa Nova de Narrativa con A noite do corvo, que foi traducido ao inglés polo tradutor Jonathan Dunne.
En 2019 gañou o mesmo premio con A noite do lobo, na que o xurado destacou que “o autor emprega unha prosa dinámica, contida, na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”.
En 2022 quedou finalista do Premio Merlín con Liliam Strawberry e o paxaro da morte.
Trátase dunha novela de intriga e misterio dirixida a lectores infantís que xa camiñan cara á adolescencia.
Sinopse
Cando Liliam Strawberry contaba con catro anos faleceu e, tres días despois, no medio dunha treboada, apareceu viva diante da súa casa. Por este feito excepcional é coñecida en toda Tanzana e máis alá. Agora, con dez anos, volve ser protagonista doutro suceso: ela, Franz Apple e Gloriaa Musaraña atoparon un cadáver con roupas doutro século na lagoa dos Colonos. Este non será o único corpo sen vida que aparecerá na vila. Liliam, atraída polos enigmáticos cadáveres, incitará a Franz e a Gloria a investigar pola súa conta sen sospeitar que ela vai ser unha peza clave no curso dos acontecementos.