Municipais 2023: A recuperación dos núcleos tradicionais, entre as principais propostas do PP para Carreira

A praza da Graña, na parroquia de Carreira, acolleu este mércores 24 de maio pola tarde un mitin do PP cos veciños (o penúltimo na parroquia de Carreira, pois mañá venres o peche de campaña terá lugar na súa Casa de Cultura en Campos ás 21 horas) coa finalidade de explicar os proxectos locais da agrupación.

Ademais do candidato á alcaldía Manuel Ruiz, tamén interviñeron no acto os candidatos Víctor Reiriz e Teresa Cimadevila, e máis Francisco Sieira, histórico concelleiro pola parroquia que ocupa un simbólico posto na lista electoral como candidato suplente.

Entre as propostas que figuran no programa da formación popular figuran a recuperación tradicional de núcleos como os do Vilar e Aldea Frións, ademais de completar ou mellorar a dotación de servizos básicos, por exemplo coa mellora da auga da traída en Frións.

Curva da Muiñeira

“A seguridade viaria será tamén un eixo primordial”, comentou Ruiz Rivas, engadido que “xa foi adxudicada unha actuación para que a través do derrubo dunha antiga vivenda poida suavizarse a perigosa curva da Muiñeira”. Ademais, dixo, no programa electoral atópase o acondicionamento do camiño Parte Alta- Vilar – Cixán – Estrada Xeral; o acondicionamento da travesía ata a Mámoa, a pavimentación dun camiño en Sabartán, melloras no camiño da Graña ou a dotación de beirarrúas ata Vixán pola marxe esquerda.

Tamén propóñense actuacións en Montevixán e acometer a terceira fase da obra da Filgueira; en tanto que xa están en licitación a cubrición do parque infantil da Capela e a mellora do de Parte ao Río, estase a pavimentar a estrada de Laxes e están aprobadas polo Concello e con consignación orzamentaria obras como a pavimentación, abastecemento e pluviais na rúa da Capela e a pavimentación do camiño do campos de fútbol á pista de Vilar-Vixán.

Ruiz Rivas lamentou que as rozas e mantementos viarios non estean na situación máis óptima “por mor das consecuencias de que a oposición impedise a aprobación dos orzamentos no 2022 e no 2023”.