Finalmente deron resultado as pescudas desenvolvidas na dársena de Ribeira polo equipo de submarinistas da Policía Nacional para atopar a arma de fogo supostamente empregada na tentativa de homicidio acontecida na madrugada do pasado domingo na rúa Diego Delicado, moi preto do porto. Os buzos da Policía atoparon no mediodía deste 23 de maio a pistola, ao filo das 13,00 horas, logo de que se retomaran os traballos de procura que remataron sen éxito durante a mañá deste luns 22 (traballos que se viron reforzados cun detector de metais e imáns de gran potencia).

A arma localizada foi a que case acaba coa vida do cidadán de orixe de marroquí que resultou ser vítima da pelexa entre dúas bandas de narcotraficantes de cidadáns dominicanos radicados na zona. O rapaz que recibiu os disparos e as coiteladas atópase ingresado aínda no Hospital de Santiago (CHUS), pero xa foi trasladado a planta dende a unidade de críticos. Foi intervido tras recibir un disparo e varias puñaladas, despois dunha grave pelexa entre dous grupos de mozos. Segundo relatan as testemuñas, os golpes comezaron a iso das 3 da mañá na zona do Malecón, seguiron nunha persecución polas rúas da cidade e remataron co intento de homicidio na rúa Diego Delicado.
A outra arma empregada, unha navalla, xa apareceu.
As tres persoas sospeitosas da tentativa de homicidio foron arrestadas pouco despois dos feitos en Tui. Sábese que este mércores terán que comparecer ante a autoridade xudicial. A axencia Europa Press confirmou que dous dos detidos están a ser investigados por tentativa de homicidio e o terceiro, por encubrimento.



