Este martes 30 de maio a Asociación de Empresarios de Ribeira formalizou e resolveu o premio de 1.000 euros da campaña local do Día da Nai.

A cita (un maratón de adquisicións de prendas de roupa, calzado, xogos, alimentación, plantas, flores e outros produtos) comezou no local da florería A Mandrágora, o establecemento que outorgou o dito premio a Mariola Quintáns, que puido dispor dunha asistente persoal en compras para axudala a gastar a dita contía nos comercios participantes da campaña (ao longo da mañá).

Estiveron presentes a gañadora do premio e o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude, ademais da asistente persoal Mónica Pintos e a influencer Luz Martínez, que axudaron a Mariola a elixir as súas adquisicións segundo os seus gustos e estilo nos establecementos que escolleu para trocar o premio, entre os que se atopaba unha comida no Restaurante Golimbreo.

Logo do premio grande, unha charla
O premio grande desta campaña, o devandito vale de compra por importe de 1.000€ e o asesoramento dunha personal shopper, foi investido tres sectores: comercio, hostalería e restauración. Como dixemos, a profesional de asesoramento en compras non foi outra que a asesora de imaxe Mónica Pintos, quen proseguiu colaborando co tecido empresarial ribeirense ao longo da tarde deste martes, xa que ofreceu, a partir das 16.00 no local da asociación, o obradoiro Coñece as prendas que máis favorecen a cada silueta.
