
Agora, rematada con unánime aprobación a Semana Santa noiesa, parece bo momento para facer unha reflexión serea sobre estes días de tanta intensidade emocional. Datas que se converten nunha estación de tradición no tempo, de saudade e recordos, de aflorar sentimentos a medida que os pasos procesionais avanzan, acompañados pola música da nosa banda, con sentidas notas que van da amargura á esperanza. O sentir da xente que enche as rúas e prazas coa mirada pendurada das imaxes que reviven a Paixón e Resurrección de Cristo. Xeitos de celebración e tradicións redivivas que compoñen a Historia dunha vila tantas veces centenaria.
Porque, dun e doutro xeito, os actos que conforman esta importante Semana gardan fiel relación co pasado da nosa sociedade. Unha tradición viva por enriba da ameaza do esquecemento grazas á enorme ilusión coa que os máis veteranos inculcan as súas experiencias e coñecementos aos máis mozos, do mesmo xeito que eles deprenderon dos seus maiores. Esta é a ensinanza que nos deixa como o mellor exemplo do cariño e da adicación coa que se prepara cada unha das imaxes, andias e procesións que transcorren polas rúas da nosa vila. Realmente son eles e elas o verdadeiro e máis importante patrimonio das nosas cofradías -sobre todo das máis antigas-, pois no seu ser custodian a esencia mesma da Semana Santa de Noia.
Se por un breve momento deixamos de lado a parte relixiosa –que está na orixe e da sentido a estas datas-, a Semana Santa constitúe un fenómeno social e cultural incomparable con calquera outra festividade. As imaxes, os cantos, a música, e o ambiente de recollemento que se respira nas nosas rúas e prazas crean unha atmosfera única que conmove e emociona a todos os que participan nela, xa o fagan de maneira directa colaborando coas distintas cofradías ou limitándose a acompañalas nas rúas polas que pasan as procesións que integran unha das semanas grandes da nosa vila.
Sendo sincero, non é doado resumir o que significa esta semana para alguén que leva participando da mesma dende cativo -como tantas e tantos outros- coa mesma ilusión, ganas e nervios que aquel primeiro Domingo de Ramos. Pero hai unha cuestión que merece claro e grato sinalamento; a idea de irmandade e compañeirismo sempre presente entre os porteadores, pois compartimos carga pero tamén a sorte de formar equipo. É pois o momento –Hermanos Costaleros- de descargar o peso da longa e intensa vivencia destes días sobre as horquillas do tempo e agardar, ao ritmo común do redobre da caixa, a unha nova primavera, a unha nova Semana Santa.



