O Concello de Ribeira informou de que foron presentadas catro ofertas á iniciativa destinada a proceder á cubrición e renovación do parque infantil da Capela, en Carreira, así como á mellora do de Parte ao Río, situado na mesma parroquia: unha dobre actuación que conta cun orzamento de 179.566,21 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de dous meses.

O parque infantil da contorna da Capela
O obxectivo que se persegue reside en mellorar ambos parques infantís “creando dous espazos renovados que satisfagan as necesidades dos veciños”. Para isto, o parque de A Capela vai ser desmontado por completo e resituado nun lateral da pista, “creando unha superficie de xogo máis ampla na que se recolocarán varios dos elementos existentes e se instalará un equipo combinado novo de maior tamaño e con máis prestacións que o actual”, informou o Concello, engadindo que toda esta superficie disporase sobre un pavimento de caucho continuo e sobre a mesma colocarase unha cuberta téxtil soportada sobre unha estrutura metálica.
En canto ao parque a Parte ao Río, desmontarase os xogos actuais e situarase o equipo combinado da Capela, ademais de recolocar un bambán (columpio), un balancín e un resorte. Amais, pavimentarase toda a área de xogo con caucho continuo.
O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2022.

O parque de Parte ao Río



