“Os percebeiros galegos reclaman voces e opinións libres cando se fala da mexilla”. Antón Luaces

Non, as confrarías galegas -especialmente as da provincia de Pontevedra que contan con percebeiros entre os seus afiliados- non concordan para nada coa Consellería do Mar no que atinxe ao novo reparto de zonas de extracción de mexilla para o sector bateeiro. Polo tanto, non existe entendemento e aceptación das formulacións da Consellería que levaban á crenza dun posible entendemento entre as partes. Así de claro, así de contundentes.

E máis, aínda: cal é o grao de cumprimento por parte dos bateeiros en relación coa xestión do refugallo procedente das actividades do traballo do mexillón nas bateas?.

A pregunta nace no seo das confrarías do percebe da provincia de Pontevedra, que se reuniron en Arcade o pasado venres para abordaren  diferentes aspectos relacionados  cos efectos do cultivo do mexillón en batea nas rías de Galicia.

Tentando dar resposta a aquela pregunta sobre os refugallos, as confrarías lembran que se obriga aos bateeiro a “transportalos e depositalos en lugares habilitados en terra”.

Fáise así?, pregunto.

Todo ven a conta das resolución da Consellería do Mar (por que sempre está polo medio?) que decretaron a apertura da extracción da mexilla en zonas destinadas en exclusiva ao percebe e que leva aos pósitos a convocar unha manifestación en Santiago de Compostela a levar a cabo o día 15 deste mes en apoio ás súas demandas. A máis, os servizos xurídicos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores van tentar recuperar esas zonas para que, segundo declarou o presidente da Federación, José Antonio Pérez Sieira,  a Europa Press, “as deixen tal e como estaban antes” para a extracción da mexilla. “No  todo é como din os bateeiros”, engadiu.

A Federación defende o aprobado o 22 de decembro de 2021 e plasmado nunha orde que estabelece os plans de xestión para recursos especIficos no trienio 2022-2024 sen que se produzan complicacións de zonas de extracción de mexilla en contra dos intereses de produción de percebes. Só o 16% das zonas de explotación están reservadas para o percebe.

A Federación Galega de Confrarías xa lembrou á Consellería que non concordaban coa decisión de abrir esas zonas xa reservadas para a extracción do percebe.

O cultivo intensivo do mexillón nas rías galegas incrementou a produción nos últimos anos ata chegar ás 250.000 toneladas e con vendas de máis de 150 millóns de euros, o que fai que os percebeiros se pregunten a costa de que.  Porque, afirman,  se cada mexillón filtra diariamente entre 180 e 192 litros de auga -auga que quedaría inocua de nutrintes- non será que a baixada de produción de bivalvos e a diminución doutras especies  poda ser consecuencia, entre outras, do cultivo intenso do mexillón nas máis de 3.000 bateas fondeadas en Galicia?.

Tírase en conclusión que por parte dos bateeiros se está a prexudicar gravemente a sustentabilidade e o futuro produtivo das rías mentres que se favorece a ruina duns e a riqueza doutros.

Os percebeiros demandan que se manifesten a este respecto as organizacións medioambientalistas, os científicos “valentes” e mesmo os políticos responsables e comprometidos en fomentar a sustentabilidadfe dos recursos e os ecosistemas mariños “por roba de réditos electorais”.

Percebeiros e bateeiros, polo prexuizo que se deriva da extracción da mexilla, non atopan entre eles un punto de encontro; e a Consellería do Mar, coas súas decisións, tampouco facilita o entendemento, cuestión esta que días atrás semellaba estar resolta.