O Concello de Ribeira informou de que o proxecto para a construción dunha nova grada cuberta no campo de herba artificial da Fieiteira recibiu as propostas de cinco empresas interesadas na súa materialización. O Goberno local lembra que esta actuación estivo entre as máis demandadas na consulta veciñal online de principios do ano pasado sobre as necesidades nas distintas parroquias e que, consonte con isto, foi incluída no Plan de Obras e Servizos (POS+2022) da Deputación.
O prezo base de licitación ascende a 247.483,34, IVE incluído, e o prazo de execución son catro meses.
O obxectivo fundamental que se persegue con este proxecto é construír unha bancada cuberta que satisfaga a demanda existente. ara iso, executarase unha bancada de 30 metros de lonxitude, prefabricada de formigón practicamente na súa totalidade. Estará formada por 4 filas de bancadas en forma de “L” de 80 cm de fondo e 45 cm de altura que apoian en vigas zancas separadas 6,00 m.
Na parte superior da bancada dispoñerase unha viga prefabricada para apoio da placa de remate posterior da bancada de 80 cm de anchura. As trabes zancas apoiaranse sobre piares de 50×40 cm que irán encaixados nas zapatas cun sistema de cáliz. As cimentacións de toda a estrutura prefabricada descrita realizaranse con formigón HA-25. O acceso á bancada realizarase mediante 2 escaleiras situadas nos extremos, de laxa apoiada sobre muro de bloque.
O perímetro resultante entre os piares da estrutura pecharase con bloque de formigón gris, que se pintará dunha cor a elixir pola dirección de obra. Ademais, colocaranse 2 portas nas paredes laterais da bancada para permitir así o acceso e o aproveitamento do espazo xerado baixo o mesmo.
A cuberta estará formada por paneis de tipo sándwich con tratamento HDX que se instalarán sobre unha estrutura metálica. Os soportes da devandita estrutura serán perfís IPE-450, situados cada 3 m e compartindo cimentación cos piares da bancada, ou ben de maneira independente, aínda que con vigas de atado.
Perpendicularmente a estes apoios instalaranse unhas correas a base de IPE-120, separadas entre elas 1,40 m. Sobre estes elementos, dispoñerase o panel sándwich de cuberta. Para achegar rixidez á estrutura instalaranse perfís UPE-140 cruzados, en vans alternos na cuberta. Todo o aceiro das vigas será galvanizado por inmersión e as unións realizaranse mediante parafusado.
Por último, instalarase unha varanda na primeira bancada e colocaranse asentos con respaldo.