O Concello de Boiro colabora coa décima edición do Maio Vintage que organiza a asociación Creaturas, ao que se suma tamén a Asociación Boirense de Empresarios, e que terá lugar o vindeiro sábado 6 de maio. Na presentación que se realizou esta mañá participaron a concelleira de Cultura, María Outeiral; Marga e Alberto, representantes da Asociación Creaturas; e o presidente da ABE, Daniel García.
Hai inscritos máis de 40 postos de artesanía, artigos de ilustración ou obxectos de segunda man e que se situarán ao longo da rúa peonil, e haberá varios escenarios con animación musical e obradoiros e actividades para todos os públicos durante todo o día durante o día. “O Maio Vintage promove que a xente visite Boiro e favorece ao comercio local, isto débese ás sinerxias que se crean entre os colectivos e que fan que un pobo medre culturalmente e teña actividade”, recoñeceu a concelleira de Cultura, María
Outeiral.
Participan tamén nesta edición entidades sociais que desenvolven a súa actividade no municipio como Unión de Muchachas, Cruz Vermella, Ambar e centros educativos. “O Maio Vintage é unha actividade que partiu da cidadanía fai 10 anos e consolidouse con moito éxito”, afirmou Alberto García.
A edición deste ano inclúe novidades xa que son numerosos os comercios e locais de hostalaría que se unen a esta cita e realizan programación propia. “Dende a Asociación Boirense de Empresarios
quixemos implicar ao comercio e hostalaría boirense a que se unan con propostas propias a esta iniciativa xa que moita xente visita Boiro e merca no noso comercio”, afirmou Daniel García.
O Maio Vintage poderase visitar entre as 11.00 e as 21.00 horas e programa deste ano inclúe concertos de Meiga-i e Heroínas; actuación de djs como Pídechas o corpo, Rasca e Pincha ou Banho Cheku; teatro cabaré con Nelson Quinteiro e Marta Ríos, obradoiros de elaboración de maios e tamén obradoiro de baile. “A programación mantén as liñas de pasadas edicións, con traballo e participación do comercio local e propostas para todos os públicos en toda a zona do mercado”, afirmou Marga Sampedro.
O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresarios implicáronse este ano máis que nunca nesta cita da cultura e o comercio en Boiro e boa parte das actividades que se van a levar a cabo están
financiadas ao abeiro da subvención de fondos Next Generation que o Concello de Boiro recibiu do Ministerio de Industria e Turismo por importe de 237.641 euros para o impulso comercial e a modernización do centro comercial aberto de Boiro.
PROGRAMACIÓN:
11.00h – performance da Asociación Ambar
11.30h – obradoiro de creación de maios
12.00h – Marta Ríos con “Mundos contados”
12.00h – DJ: Pídechas o corpo”
13.30h – sesión vermú con Megai
16.00h – sesión infantil con Dj Matrek
17.30h – espectáculo infantil “Barullo” de Nelson
18.00h – taller de swing con Carlos Tomico
18.00h – DJ: Baño Txeku
19.00h – DJ: Rasca e Pincha
20.30h – concerto do grupo Heroínas