O Concello de Boiro vai celebrar este mes a primeira edición da Feira de Emprego do Barbanza. O obxectivo do evento é acoller estratexias en materia de formación e selección, contribuír a derrubar barreiras de inclusión laboral e fomentar as sinerxías entre as empresas e as persoas potencialmente contratábeis.. O encontro terá lugar os días 20 e 21 de abril no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira.

En detalle, o Concello explica que a feira ten a finalidade “de promover e facilitar a relación entre o tecido empresarial e as persoas demandantes de emprego e dar a coñecer as principais estratexias que, en materia de formación e selección, se están a levar a cabo por parte das organizacións empresariais máis representativas da zona do Barbanza”.
Esta cita busca ser un referente en materia de formación e emprego na comarca, polo que está programada a participación de axentes sociais que dinamizarán obradoiros para a busca de emprego, o emprendemento e o autoemprego, a orientación profesional e a inclusión a persoas con discapacidade.
Ademais de coloquios e relatorios previstos, participarán as empresas con máis peso da comarca e algunhas contarán con stands fixos durante as dúas xornadas para a recollida de currículos e prestar información sobre o emprego.
As persoas demandantes de emprego e empresas que estean interesadas en participar, poden formalizar a súa inscrición mediante a web municipal.
Os relatorios e as mesas redondas serán de acceso libre para o público xeral.



