CONGALSA participará na Seafood Global Expo de Barcelona co foco posto nas súas referencias de produtos con cefalópodos

20 Abril 2023

Novamente o salón Seafood Global Expo 2023, un dos grandes eventos internacionais do ámbito da alimentación de produtos do mar, terá presenza da nosa comarca entre as empresas participantes: a presenza da firma alimentaria CONGALSA, con sede principal na Pobra do Caramiñal, que porá o foco nas súas referencias de produtos a base de cefalópodos.

A feira abrirá as súas portas a próxima semana en Fira Barcelona para erixirse, un ano máis, como punto de encontro dos principais operadores da comercialización e da industria de produtos do mar tales como provedores, compradores, distribuidores, autoridades e persoal de servizos. O salón, cuxo crecemento este ano estímase nun 20%, constitúe a maior exposición de produtos do mar do mundo: un escaparate perfecto para presentar tendencias e innovacións, así como estratexias concretas para situar no mercado novas referencias por parte de cada empresa expositora.

Nun plano máis detallado, CONGALSA participará novamente nesta feira cunha caseta propia no que poñerá en foco nas incorporacións máis recentes ao seu catálogo de produtos e, en particular, nas novas receitas lanzadas ao mercado que utilizan cefalópodos como base. A empresa do Barbanza exporá todos os seus novos proxectos entre o 25 e o 27 de abril. Para CONGALSA, trátase “dunha oportunidade única” para que o seu equipo desprazado a Barcelona poida coñecer de primeira man as novidades en produtos para restauración e cátering, así como para a canle retallista.

Novidades

A compañía da Pobra tamén aproveitará o foro para presentar as súas propias novidades. En concreto, dúas novas receitas ligadas á súa gama de cefalópodos: a de luriña enfariñada e a da pota costeira enfariñada. A empresa lembra a este respecto que “a elaboración de produtos con base de cefalópodos forma parte da orixe da nosa empresa, que paulatinamente foise convertendo nunha compañía referente en España en elaboración de produtos que inclúen esta materia prima”.

A luriña enfariñada constitúe un dos produtos máis apreciados do catálogo de CONGALSA tanto pola canle profesional, como polo consumidor final. Trátase dun produto que destaca polo delicado sabor do loligo patagónico, a sutileza do enfariñado e un coidadoso proceso de elaboración que mantén intacta a receita tradicional. “A novidade que se presentará na Seafood de Barcelona mantén esa esencia e mellora o proceso de enfariñado para garantir unha cobertura perfecta e un acabado triscante que facilita a preparación do produto”, destaca Julio Simarro, director comercial e de marketing da empresa.

Pola súa banda, a posta costeira enfariñada é unha referencia de nova incorporación no catálogo de CONGALSA e responde o desexo da firma de valorizar os produtos da pesca litoral, “favorecendo a sustentabilidade das pesqueiras tradicionais”. “Trátase dunha especie de alto valor comercial, que se pesca nas costas atlánticas e desembárcase en fresco nos portos galegos, chegando ás instalacións da nosa empresa na Pobra do Caramiñal para a súa elaboración, poucas horas despois da súa pesca. Sen dúbida será un dos produtos de máis éxito na oferta estival de bares e restaurantes, cun sabor característico e un lixeiro enfariñado que lle confire unha textura ideal para consumir fritida nas tradicionais tapas e bocadillos”, destaca Julio Simarro.

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...