
O alcalde de Outes, Manolo González, e a tenente de alcalde, Alba Quintela, en representación de Compromiso Outes, mantiveron hoxe luns unha reunión co patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz e co secretario do pósito, Adelo Freire, para abordar diversos temas de interese común da Confraría e o Concello de Outes.
O primeiro dos temas abordado foi o do impacto da reapertura a das minas de San Finx, onde os representantes de Compromiso Outes e da confraría amosaron a súa sintonía en relación ao rexeitamento da autorización de Augas de Galicia para os vertidos á ría. González indicou que a prioridade absoluta é manter a calidade das augas da ría, da que viven e traballan centos de familias de Outes e da comarca. Por esa razón, acordouse tamén a adhesión de Compromiso Outes á plataforma en defensa da ría promovida pola Confraría.
Outro dos temas tratados foi a posta en funcionamento do criadeiro que a Confraría posúe no Freixo, que xa está en activo dende hai uns meses, cuestión que Manolo González valorou moi positivamente. “Agardamos que estas instalacións se consoliden e axuden a mellorar o rendemento da actividade marisqueira, ao igual que á creación de emprego no noso concello”.
Tamén se puxeron común as actuacións que dende o Concello se realizaron en materia de saneamento nos últimos catro anos, que os representantes da confraría valoraron de maneira positiva, en particular a referida á posta en marcha da EDAR da Serra de Outes. A tenente de alcalde e concelleira de medio ambiente de Outes, Alba Quintela, indicou que se pretende continuar coas melloras na rede de saneamento para o que agarda o apoio doutras institucións e nomeadamente da Xunta de Galicia.



