
O Concello de Boiro confirmou que a Consellería de Economía, Industria e Innovación achegou á Administración local unha subvención destinada á habilitación e mellora do Parque Empresarial de Espiñeira. O importe concedido vaise destinar a levar a cabo os proxectos de mellora da infraestrutura viaria e da iluminación pública no polígono.
Por unha banda, recíbese un importe de 65.767,50 euros para levar a cabo o Proxecto de mellora da infraestrutura viaria no Parque Empresarial de Espiñeira, co que se vai levar a cabo a mellora da rede de estradas no interior do parque empresarial e, para iso, realizarase o pavimentado con formigón de 1.665 metros cadrados de beirarrúas.
Por outra banda, concedeuse un importe de 47.796,62 euros para o Proxecto de mellora da iluminación pública no Parque Empresarial de Espiñeira. Con este proxecto preténdese a substitución das luminarias de alumeado público e o seu cambio a LED co obxectivo de unificar a iluminación do polígono e lograr unha maior eficiencia enerxética.
O Concello de Boiro recibe esta subvención para a habilitación e mellora de infraestruturas en parques empresariais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia.



