Boiro Novo emitiu este luns 3 de abril un comunicado relativo á proposta para municipalizar a Piscina Municipal e o bloque da oposición local a este proxecto, bloqueo que se puxo formalmente de manifesto no pleno do pasado xoves, onde o PP, BNG e ICB paralizaron cos seus votos este proceso. “Era de agardar”, sinala a agrupación Boiro Novo no seu comunicado, “que un partido que non cre na xestión directa dos servizos públicos coma o PP votase en contra da municipalización, o que resulta insólito, mesmo triste, é que partidos que se supoñen progresistas, que din apoiar a municipalización, voltasen de novo a facer o mesmo que o ano pasado coa proposta de ampliación: ser a muleta da dereita e xuntar os seus votos aos do PP para parar a mesma”.
Boiro Novo critica tamén o argumento da oposición ao esgrimir que votaron en contra da creación da comisión de estudo e non da municipalización, argumento que segundo a agrupación “cáese por si mesmo, xa que é unha exixencia legal necesaria para a municipalización, tal e como se estipula no Real Decreto Lexislativo 781/1986, art 97)”. Este rexeitamento á comisión é “gravísimo”, din dende Boiro Novo, xa que pon de manifesto “un descoñecemento da normativa, o cal sería un indicativo de que
os concelleiros que votaron en contra con este argumento non teñen a preparación necesaria para gobernar un concello, ou ben si a coñecen e votaron en contra unicamente por puras cuestións de índole partidista e afán de protagonismo.”
E engaden: “Dende a nosa asemblea volvemos a pedir responsabilidade as forzas que se din progresistas, para que o sexan non só de palabra senón con feitos. Que recapaciten e antepoñan o ben común a egos personalistas. Pedir as cousas é moi sinxelo, a nosa asemblea tamén o fixo no ano 2018 cando solicitamos por primeira vez ao goberno, daquela do PP, a reforma integral e a municipalización da piscina. Xa nesta lexislatura, cando se nos convidou a botar unha man, non dubidamos en entrar no Goberno para traballar en acadalas, respectamos a quen non quixo facelo, pero agora, no momento de rematar con ese traballo feito, de finalizar cos trámites, o único que se lles pide e que, xa que non quixeron botar unha man, a lo menos teñan a ben levantala no pleno e deixen de obstaculizar o proceso polo ben das usuarias”.
Dende Boiro Novo fan saber que o expediente de municipalizacion volverá levarse ao pleno: “É prioritario ter aprobados os trámites necesarios para a municipalización antes do remate da lexislatura a fin de protexer un ben de todos e todas as boirenses e evitar que poida voltar a mans privadas nun hipotético futuro”.