O Centro GaiasTech (Cidade da Cultura) acolleu este luns 3 de abril a presentación formal da nova andaina da Rede de Aulas CeMIT de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), unha nova andadura que vén marcada por unha relevante renovación do material tecnolóxico das aulas de formación e dinamización tecnolóxica distribuídas nos nosos concellos.

Esta renovación, que se completa o 14 de abril, inclúe novo material disruptivo para ser distribuído nas 83 aulas e 82 entidades locais adheridas actualmente ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025). O obxectivo deste Plan é “mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT para adaptarse ás novas demandas da cidadanía”, informouse.
A dotación, como informamos os días pasados dende este medio, xa se completou nas aulas de Ribeira, Boiro e Porto do Son, entre outras.
Segundo fixo saber AMTEGA, a entrega deste equipamento innovador iniciouse o pasado 17 de febreiro achegando ás aulas CeMIT e tamén ao Centro GaiásTech un total de 130 impresoras 3D, 130 kits de robótica, 665 drons, 260 gafas de Realidade Virtual e 130 kits de placas de comunicación e programación.
Así o explicou na mañá deste luns 3 de abril o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na presentación destes dispositivos, durante a que destacou que “esta dotación está acompañada dun plan formativo de máis de 100 horas para os axentes TIC sobre as aplicacións e posíbeis usos destes dispositivos”.
Tamén engadiu que este material “permitirá ao persoal formador ofrecer experimentación cos kits de robótica ou placas de programación fomentando a aprendizaxe STEAM e abrindo portas ás profesións do futuro, posibilitando tamén o desenvolvemento de novas actividades interactivas a través das lentes de Realidade Virtual, aprender a pilotaxe de drons e a fabricación de aparellos con impresoras 3D.
Amais, Cerviño avanzou os seguintes fitos do Plan como a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 equipos All-in-One, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
“A distribución deste novo material”, dixo, c”ompletarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2024, grazas a un marco de Subministración de Equipamento Tecnolóxico para a Inclusión e Capacitación Dixital por un importe de más de 3,6 millóns de euros”.
Con esta liña de traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia busca “ampliar e mellorar a oferta formativa da Rede CeMIT, que conta con preto de 110.000 usuarios e supera xa as 511.200 horas de formación planificadas desde o seus inicios, e a mellora da adquisición de competencias dixitais por parte da cidadanía”.
Por outra banda, o director da Axencia autonómica avanzou a convocatoria, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) da primeira edición do Premio Axentes TIC da Rede CeMIT, que ten o obxectivo de “incentivar o uso do equipamento innovador e disruptivo, así como recoñecer e potenciar o labor das persoas dinamizadoras dos centros que poñan en marcha proxectos con carácter creativo, orixinal, interxeneracional e inclusivo”.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborada pola Axencia autonómica, concretamente no segundo eixo, Sociedade Dixital e inclusiva, que busca dotar ao conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital e non deixar a ninguén atrás.
AMTEGA informou tamén de que esta dotación deste equipamento nas aulas CeMIT terá “unha especial repercusión nas entidades locais, especialmente do rural”, grazas á xestión, captación e aproveitamento do Fondos Europeos, concretamente fondos FEDER 21-27 e fondos REACT-EU.



