O Ciclo Mestre Mateo, unha escolma do mellor audiovisual galego recente (premiado nos Mestre Mateo), regresa este ano á provincia da Coruña e levará as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Ames, Arteixo, Boiro, Cedeira e Melide. A iniciativa é froito da colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación da Coruña.

Os concellos de Ames, Arteixo e Boiro xa acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición, e Cedeira e Melide pasan a formar parte da rede de salas.
Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival



