A rotura dunha balsa de áridos dunha canteira na localidade coruñesa de Frades alcanzou o río Tambre, que, segundo puideron comprobar técnicos de Augas de Galicia, presenta turbidez nas súas augas, polo que obrigou ás autoridades a activar mecanismos de protección. A rotura desta balsa chegou ao regacho Gaiteiro.
Durante a mañá deste martes técnicos da entidade realizaron unha inspección oficial á empresa, confirmando a rotura da balsa e a vertedura de áridos (sen carga metálica), que neses momentos estaba controlado e que a empresa se comprometeu a arranxar ao longo do día.
Ademais, os técnicos tamén se desprazaron ata o Tambre para supervisar a afección ao río e tomaron mostras para analizar en laboratorio.
Unha vez realizada esa supervisión, ás 12,10 horas, Augas de Galicia deu aviso ao persoal do 112 Galicia para que trasladase a situación aos concellos polos que transcorre o Tambre, polas captacións de auga que se puidesen verse afectadas e para a adopción das medidas preventivas e de control que se estimen necesarias #ante a situación de turbidez da auga que presenta.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) deu aviso aos concellos de Frades, O Pino, Oroso, Santiago, Trazo, Val do Dubra, Ames, A Baña, Negreira, Brión, Noia e Outes, que realizan captacións de auga no río afectado.

Rio Tambre Ponte Maceiras Concello Ames



