O programa FaraRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reforzado este ano nos seus obxectivos de achegar actividades de lecer en galego aos concellos galegos, vainos ofrecer esta primavera unha peza adicada a un dos máis destacados representantes da nosa literatura, a nosa arte, a nosa historia política e a nosa cultura en xeral: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Trátase da obra Castelao, de Culturactiva Producións, escrita, dirixida e interpretada por mulleres. Recalará esta tempada en Boiro (este sábado 15 de abril) e en Porto do Son (o 30 de abril).
Castelao é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á nenez, en concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a peza presenta un Alfonso Daniel de oito anos feliz e aventureiro na súa vila natal.

“Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do escritor e a súa nai”, explicou na presentación da obra o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, engadindo que “para facer aínda máis atractiva a representación”, os diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados con elementos recoñecíbeis da obra de Castelao, cos que o elenco, a música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo cheo de plasticidade, cor e ritmo.
A obra estreouse no Auditorio Constante Liste de Teo. Despois iniciou unha xira que a levou a visitar O Barco de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h. Estes días recala en Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; en Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h; en Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h; en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h; no Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; en Monforte de Lemos (Edificio Multiusos) o 29 de abril ás 18,00 h e en Porto do Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19,30 h.
Como en cada actividade do FalaRedes, a entrada será de balde e a información completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.




