O pasado xoves 20 de abril celebrouse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira a reunión constitutiva do xurado da IX edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira que se celebra e xeito bianual e organiza a Área de Cultura municipal en colaboración con Edicións Xerais de Galicia. O premio consiste en 3.000 €, diploma conmemorativo e publicación da obra na colección de narrativa de Xerais. Desta volta presentáronse 22 novelas ao concurso.
O prazo do certame rematou o pasado 23 de marzo, coincidindo coa conmemoración do 117 Aº da concesión do título de Cidade a Ribeira por parte da Súa Maxestade O Rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906, día no que foi publicado na Gaceta de Madrid (malia que o decreto se asinou en Palacio o 20 de marzo, se comunicou ao Goberno Civil da provincia o 21 e ao alcalde de Ribeira e a corporación o 22 do mesmo mes).

Das 22 novelas presentadas, procedentes de diversos lugares de Galicia, como Ribeira, Santiago, Vigo, Lugo, Coruña, Pontevedra, Ourense ou incluso de fora dela, como Madrid e Barcelona, admitíronse 21 a concurso, xa que unha foi retirada voluntariamente polo seu autor ao resultar premiada noutro certame literario despois de ter sido presentada ao de Ribeira e dado que as bases indican que non poderá concorrer ao concurso si non é inédita ou foi premiada noutro lugar antes de darse a coñecer a decisión do xurado.
O xurado está formado polas seguintes persoas:
• Sara Vila Alonso, escritora, licenciada en xornalismo e xefa de comunicación da editorial Xerais de Galicia.
• Margarita Fernández Gómez, licenciada en filoloxía clásica, profesora de latín, tradutora e dinamizadora do equipo de lingua galega do IES Espiñeira de Boiro.
• Irene Montero Díaz, licenciada en xornalismo, escritora e gañadora da anterior edición coa súa novela Lúa nova.
• Xoán Fernández Callón, licenciado en historia e bibliotecario do Concello de Ribeira.
• Unai González Suárez, licenciado en ciencias políticas e xestor cultural do concello de Ribeira, que actúa como secretario con voz e sen voto.
Está previsto que a finais de maio se decida cal será a obra gañadora e comunicar aos medios, ademais de entregar o premio nun acto público no salón de plenos da casa do concello na primeira quincena de xuño que será debidamente anunciado.



