A hostalería da Ría de Muros Noia colga o cartel de completo durante a Semana Santa

12 Abril 2023

Os establecementos hostaleiros da Ría de Muros Noia enchéronse de visitantes durante esta Semana Santa. Unha situación que motivou que fora case imposible conseguir unha mesa para xantar ou cear en localidades coma Portosín, Muros, Noia ou O Freixo, onde moitos dos locais mesmo tiveron que rexeitar máis do 50% das demandas.
Uns datos que demostran tanto a desestacionalización do destino da Ría de Muros Noia como o aumento dos meses de temporada alta. Sebastián Valverde, xerente do Xeodestino Ría de Muros Noia, explica que “en seis anos o destino da Ría Muros Noia pasou de ser o máis estacional de toda a costa española, con tan só unha temporada alta de tres semanas no mes de agosto, a ser un destino equiparable en rendementos aos distintos destinos costeiros de Galicia. Ademais, a información que nos achegan os establecementos da zona indican que o que era temporada media, que vai dende abril a xuño e os meses de setembro e outubro, tende cada vez máis a ser temporada alta”.
Temporada alta de abril a outubro
Unha desestacionalización que confirman dende os propios establecementos hostaleiros da zona. Así, o Hotel de Noia acadou unha total ocupación durante esta Semana Santa, debido non só a esta festividade senón a coincidencia coas festas do San Marcos e co Rally de Noia durante este mes de abril. De feito, confirman que a súa temporada alta prolongouse de abril ata outubro, cun 70% de ocupación nos meses que non son xullo e agosto. No caso do Hotel do Porto, de recente apertura en Muros, salientan un crecemento constante de clientes, cun 30% máis neste mes de abril ca en 2022 e con boas cifras en meses como setembro e outubro. Algo que comparten tamén na Casa Peto (Outes), onde ademais de ter o restaurante completo en Semana Santa confirman que a temporada alta, cun 60 ou 70% de ocupación,
ten lugar de abril a finais de outubro.
Joana Rodriguez, propietaria do Hotel Otantus, que abriu hai un mes en Muros, destaca que “en Semana Santa estivemos completos todos os días”, o que supón a ocupación de nove habitacións para clientes de alto nivel económico. Algo semellante experimenta Manuel Tomé, propietario do Chiringuito As Furnas (Porto do Son) e integrante dunha familia con catro xeracións dedicadas á hostalería. Asegura que, desde a súa apertura en 2015, “o crecemento é exponencial, especialmente nos meses anteriores e posteriores á temporada alta do verán”. Un incremento procedente en gran parte por turistas alemáns atraídos polo surf.
Novo tipo de turista
Esta temporada alta máis prolongada vén da man dun novo perfil de turista, de maior poder adquisitivo e coa capacidade de achegarse polo Ría de Muros Noia fóra das tradicionais datas do verán. “Trátase dunha aposta dos promotores deste xeodestino por un tipo de mercado máis selecto e tamén unha confirmación do bo traballo que se vén facendo nos últimos anos para posicionar a nosa ría nos mercados máis interesantes como Madrid, País Vasco e o norte de España”, sinala Sebastián Valverde.
Un cambio de tendencia ao que tamén ten contribuído o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia e estes dous últimos Anos Santos. “O propio Camiño de Santiago abriu a posibilidade de atraer outros segmentos de mercado. Non podemos esquecer que o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia foi a ruta que tivo un maior impacto nos medios de comunicación durante o Xacobeo 2021, o que reforza o destino da Ría de Muros Noia”, conclúe Sebastián Valverde.
Futuro de novos investimentos
De cara ao futuro próximo, Sebastián Valverde considera que “o Xeodestino está no momento óptimo para replantearse a súa estratexia. A resposta do mercado é boa non, excelente. A rendabilidade do destino é das mellores de toda Galicia. Por iso penso que debemos orientar a nosa estratexia futura cara a captación de novos investimentos en hostalería e servizos turísticos que nos permitan seguir medrando.
Unha situación que corrobora o propio mercado hostaleiro local como as Cabanas do Barranco (Outes), cuxo éxito fixo que tras as primeiras construcións chegaran as Cabanas sen Barreiras, as de Broña ou as de Albeida. No caso da Casa Zuleiro (Outes), os seus bos resultados levaron aos seus propietarios a abrir unha segunda casa de turismo rural, Casa Luz de Viro, tamén en Outes.

Outros artigos

En Outes gran participación no obradoiro de Pampallíns

O concello de Outes celebrou o obradoiro de Pampallíns co obxectivo de poñer en valor e recuperar a tradición. No obradoiro participaron máis dunha ducia de voluntarias para preparar xuntas os Pampallíns tradicionais que farán o seu debut na noite do 30 de abril....

+

Falece afogado un home de 80 anos na praia de Caldebarcos en Carnota

Un home de 80 anos morreu afogado na mañá deste venres na praia de Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota, á que acudira para darse un baño. O falecido é veciño de Caldebarcos. O corpo da persoa falecida foi recuperado por un particular. Foi o mesmo particular...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...