A Deputación destinou 28 millóns de euros en máis de 5.000 axudas directas aos sectores máis afectados pola crise. Os buques do cerco de Ribeira poderán recibir ata 18.000 euros

01 Abril 2023

A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), destinou nos últimos tres anos máis de 28 millóns de euros en axudas directas a pequenas empresas e profesionais autonómos dos sectores máis afectados pola pandemia e a alza de prezos de combustibles e materias primas que ocasionou a guerra de Ucraína.

“A través destes plans, a Deputación estivo ao carón de máis de 5.000 pequenas empresas e autónomos da provincia, apoiándoos para manter a súa actividade e os seus empregos nos momentos máis difíciles”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que considerou que desde o inicio da pandemia “o PEL converteuse nunha ferramenta aínda máis útil para a sociedade, xa que a experiencia adquirida nos anos anteriores permitiunos activar distintos plans de axudas específicas para sectores especialmente afectados polos efectos da pandemia, en primeiro lugar, e despois da guerra de Ucraína. Axudas que ademáis se tramitaron dunha forma áxil e eficaz, pagando moitas delas en cuestión de días e incluso horas”.

Formoso defendeu a Deputación “é sensible ás dificultades extraordinarias que atravesaron e atravesan aínda a día de hoxe pemes e autónomos en determinados sectores” como a hostalaría, o transporte por estrada, o sector agrogandeiro ou o pesqueiro, que recibiron as axudas provinciais e demandou a Xunta de Galicia, con competencias directas en moitas destas áreas e un orzamento anual de máis de 12.000 millóns de euros, 60 veces superior ao da Deputación, a posta en marcha de liñas similares.

PEL- REACTIVA

As primeiras axudas directas do PEL creáronse durante a pandemia e foron destinadas fundamentalmente a sectores como a hostalaría, o pequeno comercio e as axencias de viaxes, afectados polos peches e restriccións. O primeiro programa REACTIVA, de 10 millóns de euros, tramitouse a través dos concellos  e o REACTIVA 2, con 9 millóns de orzamento, directamente pola Deputación.

Cafeterías e restaurantes, negocios de turismo rural e axencias de viaxe foron os principais destinatarios destas axudas, que chegaron a miles de negocios en toda a provincia.

A Deputación habiltou tamén 3 millóns de euros en liñas especiais de axudas para apoiar os plans de recuperación económica das cidades da Coruña (PRESCO),  Ferrol (PAME) e Santiago de Compostela.

En abril de 2022, a Deputación da Coruña foi a primeira administración de Galicia en pagar axudas directas aos sectores máis afectados pola alza dos combustibles ocasionada pola guerra de Ucraína. 1.666 pemes e autónomos coruñeses do sector agrogandeiro, pesqueiro e de transporte de mercadorías por estrada recibiron axudas de 3.000 euros para manter a súa actividade. Unhas axudas por importe total de 5 millóns de euros que, ademáis se pagaron en tempo récord.

A Deputación puxo en marcha tamén en 2022 unha liña extraordinaria de axudas para orquestras por importe 704.000 euros, ao obxecto de apoiar a un sector que sofreu durante dous anos as restriccións da pandemia.

Axudas para a pesca de cerco

A última liña foi presentada o mes pasado e conta cun orzamento de 700.000 euros para apoiar aos barcos de cerco e artes menores afectadas polo paro biolóxico e as limitacións na captura do xurelo, que supón un duro revés para unhas embarcacións cuxos ingresos  proceden en grande medida da pesca desta especie.

As axudas serán dun máximo de 18.000 euros por embarcación para sufragar os gastos de Seguridade Social dos mariñeiros durante un máximo de tres meses. Poderán acollerse a elas os buques afectados con base en portos como Malpica, Camariñas, Sada, A Coruña, Portosín, Ares, Cariño, Laxe, Pontedeume ou Ribeira poderán recibir ata 18.000 euros por barco.

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...