A axenda do Maio Cultural de Ribeira ofrecerá 25 propostas

28 Abril 2023

As concelleiras de Cultura e Educación, María Sampedro e Juana Brión, presentaron na mañá deste 28 de abril o cartel do Maio Cultural de Ribeira: unha programación que estará conformada por 25 propostas, enchendo de actividade todo o mes.

Sampedro informou que “as accións comezarán na primeira semana coa apertura o venres 5 de maio ás nove da noite, dunha nova exposición de óleos e acuarelas do artista José Luis Blanco no Centro Cultural Lustres Rivas”. E nesa mesma tarde o Lustres Rivas dará acollida á presentación do novo libro de Ramón Carredano. En canto á literatura, non será a única acción pois neste mes haberá tamén tempo de coñecer a nova obra de Mercedes Barreiro e tamén de Antonio Piñeiro e Eva Veiga.

A música será unha das protagonistas en maio con propostas concentradas fundamentalmente nas fins de semana. Destacamos por exemplo o Concerto das Letras Galegas, o sábado 6 de maio ás 20 horas no auditorio, e que estará protagonizado polas corais Voces Amiga de Moraña, San Xoán de Serres de Muros e a Coral Municipal de Ribeira. Ao seguinte sábado, o 13, o concerto do Orfeón Terra A Nosa; o venres 19 celebrarase un concerto de presentación do novo disco do grupo Boroa; o 20 de maio o Concerto da Laudars Orquestra de Barcelona e tamén as actuacións da Noite Nova coa Orquestra Platinum e DJ Mateo Abelleira; e o 27 o concerto de Aranjuez da Orquestra Sons.

En canto ao propio día 17 de maio, Día das Letras Galegas, conmemorarase cun espectáculo musical titulado Picadiscos de María Faltri a mediodía na praza do Concello, coa xornada das letras galegas que impulsa a Asociación Francisco Lorenzo en Aguiño dende fai xa 17 anos con actividades para a cativada como inchábeis, xornada de debuxo con agasallos, espectáculo infantil familiar, e o broche de ouro para esa xornada será ás nove da noite de novo na Praza do Concello coa presentación de Moi Noso, o novo disco de Xandre Millet.

Tamén cómpre destacaron o acto do venres 26 ás once no Auditorio Municipal no que se vai proceder á entrega dos premios da XXXI edición do Concurso Escolar das Letras Galegas do Concello de Ribeira; tres décadas celebrando este certame que naceu en 1992 e que promove entre os cativos a lingua e literatura galegas en diversas modalidades; un concurso que xa está en marcha e que está dirixido a escolares do municipio con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos. Para complementar e animar este acto de entrega aos premiados contaremos co espectáculo titulado O Espantallo Amigo dos Quinquilláns, que adapta o coñecido libro de Xosé Neira Vilas, un dos grandes da literatura galega.

Así mesmo, a finais do mes de maio desenvolverase tamén a vixésimo terceira edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil cuxos detalles serán presentados máis adiante.

Juana Brión tamén debullou varias accións como 3 contacontos os sábados ás doce no Centro Cultural Lustres Rivas, nos que se contará coa presenza da compañía Bandullo Azul, Trémola Teatro, e A Xanela do Maxín, e outro espectáculo de Anxo Moure titulado Pés de Lobo que faremos no Parque Periurbano de San Roque. Para estas actividades gratuítas será necesario realizar inscrición previa enviado os datos ao correo electrónico de normalización@ribeira.gal.

Tamén están previstas propostas dedicadas directamente a poboación escolar como o espectáculo de narración oral de Raquel Queizás o 12 de maio no Auditorio Municipal e o concurso de Marcapáxinas que impulsará a Biblioteca e que ten o prazo aberto para presentar as creacións ata o 29 de maio.

Contarase ademais cun espectáculo de baile de Cantigas e Agarimos o domingo 14 de maio, que farán un desfile dende as seis da tarde polo Malecón e rematarán co espectáculo no Parque García Bayón.

E para rematar desenvolverase o Campus Itinterante do Cuarto Ciclo da Universidade, que pecha o seu ciclo de conferencias en Ribeira o martes 9 de maio cunha conferencia do doutor José Ángel Carracedo sobre Xenómica e medicina personalizada.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.