Na mañá deste mércores 5 de abril a Asociación Boirense de Empresarios (ABE) recibiu de mans da Vicepresidencia Primeira do Gobierno de España e do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a confirmación da adhesión da entidade boirense como membro do Pacto pola Xeración D (Pacto por la Generación D) que impulsa o Executivo estatal. Deste xeito, a patronal de Boiro sitúase como a primeira asociación empresarial da xeografía española en ser admitida no dito pacto.
Como explicou o presidente, Daniel García “xunto coa ratificación da adhesión e a correspondente benvida tamén recibimos o selo oficial Xeración D, que é a acreditación de que a ABE é membro do pacto e que a partir de hoxe mesmo debemos incluír nas iniciativas, proxectos e actividades que impulsemos neste ámbito”.

Que é o pacto pola Xeración D
O Pacto pola Xeración D é unha iniciativa do Gobierno de España cuxos obxectivos van dirixidos ao ámbito da dixitalización, como explica o xerente do ABE, Tomás Estévez, que será quen actúe como interlocutor coa Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, “trátase de proporcionar un espazo aos axentes sociais, as asociacións, as empresas, as entidades sociais, as fundacións e os medios de comunicación para dar a coñecer as súas propias iniciativas, sensibilizar á sociedade sobre como apoiar proxectos e iniciativas dirixidas a superar fendas dixitais, potenciar a transformación dixital das pemes ou impulsar a certificación de niveis de desempeño en materia de competencias dixitais entre outras”.
Compromiso da ABE
Ao apoiar o manifesto a asociación comprométese a contribuír a alcanzar os obxectivos estratéxicos do Plan Nacional de Competencias Dixitais. Así o explica o presidente da entidade boirense: “De forma máis concreta a patronal de Boiro debe continuar impulsando iniciativas, proxectos, actividades, etc. que contribúan á adquisición, ao desenvolvemento e á mellora das competencias dixitais como coas accións formativas tanto para ocupados como para desempregados que organiza nas súas aulas durante todo o ano”. Ademais, establécense as obrigas de comunicar á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial as iniciativas, proxectos e actividades que poidan ser susceptíbeis de ser difundidas no portal Xeración D, colaborar naquelas actuacións e iniciativas que se poñan en marcha no seo do pacto e difundir os programas que se impulsen.
Membros do pacto
Actualmente o pacto confórmano 85 entidades tanto públicas como privadas, no sector público destacan, a nivel nacional os Ministerios de Traballo, Educación, Ciencia e Innovación e o de Industria e Comercio, a nivel autonómico están representadas a maioría de comunidades a través das súas diferentes consellerías, no caso galego da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a AMTEGA.
Tamén están representadas a Policía Nacional, SEPE, RTVE, diversas fundacións como ONCE, Telefónica, FUNDAE e a nivel privado empresas como Microsoft, Ibm, Sage, Oracle ou HP.
Daniel García, quixo destacar que “en canto a entidades empresariais aparecen colectivos de ámbito nacional como a COE, ATA ou CEPYME sendo a Asociación Boirense de Empresarios a única asociación empresarial de ámbito non nacional integrada a día de hoxe no pacto, feito que énchenos de orgullo e serve tanto de recoñecemento polo traballo realizado en favor da dixitalización das nosas empresas como de estímulo para continuar con esta liña de traballo”.