“Tricornios, mandiles, fouciños, prantos, fusís, pelexas e un lignito esgotado que se foi antes da descarbonización”. Antón Luaces

02 Marzo 2023

Velaí: 43 anos despois de ser construida, esa especie de torre de Babel que foi a cheminea de Meirama, santo e sinal da antiga central térmica deste lugar, caeu ao chan vítima da forza inmensa de case 60 quilos de goma dous ven distribuida ao longo e o ancho dese dedo de deus que apuntaba ao ceo desde que os seus 204 metros de altura comezaran a forxarse en maio de 1978.

Apuntaba alto, desafiante, desde o poder omnímodo dunha empresa eléctrica que deu un condado a un amigo de Francisco Franco. Foron case que 51.000 metros cúbicos de formigón armado os que se viñeron embaixo neste mércores raro, de sol e auga, frío, de relembranzas duras, escenas revividas.

Agora só queda en pe a caldeira da xa vella pranta térmica que será asimesmo derrubada antes de que este ano 2023 se despida.

Eran as dúas da tarde. Sol e nubes, expectación nun radio de 250 metros de resgardo para evitar que os cascallos da torre-cheminea fixera dano aos espectadores da voadura controlada. Ergueita, como tentando agatuñar ao ceo nube a nube, desde decembro de 1978. Foi unha das máis importantes de España desde 1980 e tivo un custo de 60.000 millóns de pesetas (máis de 363 millóns de euros). Pechou o 30 de xuño de 2020, após 40 anos conectada á rede eléctrica . Liquidouna a normativa medioambiental europea de emisións industriais, que non permitía a súa operatividade. Con esta de Meirama outras sete centrais pecharon as súas portas en España aquel 30 de xuño de 2020. Naturgy dicía adeus aos 580 megavatios da térmica de Meirama.

Moncho Valcarce, o cura roxo e nacionalista, o cura das Encrobas a quen a Garda Civil tiña filado, seguro que se remexe aló onde se atope e lembrará con un aquel de comprensión a mobilización veciñal que, desde 1977, protestaba polo proceso expropiatorio  que levaron a cabo para poñer en funcionamento a mina a ceo aberto de carbón destinado a esta xa desaparecida central térmica de lombos domeados.

Ducias de millóns de toneladas de dióxido de carbono contaminaron gran parte de Galicia durante 40 anos de funcionamento. Foi a de Meirama a segunda instalación -a primeira foi a das Pontes-con maiores emisións contaminantes da nosa terra. Á banda quedaron 112 traballadores afectados polo peche.

O futuro da Galicia sen carbón contaminante chegou con medos a respecto dese futuro que agora xa e presente, e este fáise evidente no porto da Coruña, co desmantelamento da estrutura da Medusa, visible no peirao do Centenario, en funcionamento desde o ano 2007, após tragar pó de carbón a veciñanza dos Castros e A Gaiteira. A desaparición do transporte de carbón desde o porto interior da Coruña á pranta de Meirama corta unha das vías de subministración  económica do porto: un millón de euros de beneficios anuais.

A descarbonización ten un custo. Talvez non tanto como o que tiveron as centrais térmicas tan dependentes inicialmente da veta de lignito que cruza de noroeste a leste a provincia da Coruña. O 15 de febreiro de 1977 quedará na memoria de tofos os galegos con imaxes inesquecibles de labregas e labregos das Encrobas enfrontados coa Garda Civil nunha bastalla que nunca de poderá dicir se tivo ou non gañadores.

As reservas da mina de lignito estimábanse en 85 millóns de toneladas. O esgotamento definitivo producíuse en 2008. Agora queda no lugar da mina a lagoa de Meirama- A central térmica xerou máis de 80 millóns de MGW. Hai quen se fixo rico. Outros seguen a ser pobres. O de sempre.

Outros artigos

“¿Me gusta Patti Smith?”. Mario Clavell

Cantó en la entrega del Princesa de Asturias un fragmento de Wing, a sus 79 años, desmelenada según costumbre, áspera y afinada melódicamente. Escuché por you tube algunas de sus canciones espectáculo en auditorios petados con megafonía alta ante público entregado,...

+

“Realidade e legalidade” – José Manuel Pena

Sen dúbida unha cousa é a realidade e outra moi diferente a legalidade vixente. Desde algúns colectivos sociais e plataformas cidadás atópanse, con demasiada frecuencia, co muro do despropósito de moito gobernantes. Case sempre apelan á “legalidade” para non deixar de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.