Chovía este sábado polo mediodía. Pero no mar tamén chove e hai que aguantar na cuberta, na máquina, na ponte, ou na bodega o que veña. E xa antes da unha da tarde policía municipal, policía antidisturbios, mariñeiros e armadores (poucos, moi poucos) xa abandonaran a concentración convocada ao abeiro do Manifesto de Burela e a responsabilidade que a todos corresponde por un feito evidente: os aeroxeradores mariños non son aliados da pesca e os pescadores, por máis que o ministerio da Transición Ecolóxica diga o contrario, a Xunta de Galicia cale e a Comisión Europea outorgue.
Para a Policía Municipal da Coruña eramos 350 os concentrados diante do edificio sede da delegación do Goberno en Galicia. Para min -afeito a informar sobre manifestacións cando aínda estaba en disposición de facelo- que non chegabamos a 300 e iso que de Asturias viñeron case que 50 persoas. Entre os asistentes, poucas mulleres e poucos armadores, non todos os cargos das federacións de confrarias de pescadores e unha insoportable serea que co seu impertinente soar non permitiu que todos os concentrados souberamos de que falaban os que fixeron uso da palabra. Un coñecido activista residente na Coruña dicía con moita retranca que debía estar pagado pola Xunta para que non se escoitara nada do que, en teoría, debería interesar aos concentrados.
Dubido do interese: entre xornalistas que cubrían a mobilización e cidadáns interesados no problema, sindicalistas e membros de partidos políticos, xente do mar había ben pouca. Porque non era seu o problema ou non lles afectaba, porque chovía e era molesto aquel orballo que despois derivou en choiva, porque se estaba mellor a carón da barra do café-bar que á choiva, porque no mar xa están cansos de tanta “matraca” eólica ou que diaños pasa nun sector pesqueiro diretamente ameazado pola industria multinacional a cuxas gadoupas non pon couto o Goberno, a Xunta e a Comsión Europea?.
Unha armadora coruñesa, Belén Cotelo, nova pero con amplos coñecementos do que é a pesca, patentizou o asunto que motivaba a concentración, malia o zuñido da serea. “Afasten as súas gadoupas dos nosos ecosistemas mariños!”. Outros dos concentrados optaron polo directo e curto; “Os nosos mares non se subhastan”, e o empregado da serea, tira da curdel, que pesadelo.
Nen sequera foi necesario proceder a curtar o tránsito rodado, porque os concentrados non ocuparon as rúas; ben cabían nas beirarrúas. Un armador pasou por alí de volta da compra do pan e non dixo ren. Unha consigna quedou medio apagada cando o da buguina tirou forte do curdel: “O mar no se vende, goberne quen goberne”, dixo outro, mentres un dos concienciados amosaba un cartelón branco con letras vermellas: “En Madrid tamén fai vento”. E sí que o fai, pero un polígono eólico non o vexo eu no estanque do Retiro.
Non foi, non, unha concentración que evidenciara a preocupación que afecta (¿?) ao sector pesqueiro. Polo escaso número de participantes, o ministerio de Transición Ecolóxica podería entender que non hai oposición á eólica mariña por parte da pesca, sector que prevé mobilizacións dirixidas a acadar a redución do IVE tras a caída das vendas un 20% este ano.
Acaso non somos conscientes de que a industrialización dos mares nos que pesca a frota galega pon en perigo un importante número de aves e peixes, a máis de mamíferos mariños, postos de traballo, etc., e que os ecosistemas mariños se conservan tal e como están grazas á mediación dos mariñeiros e que os aeroxeradores van ser instalados xusto onde máis se pesca porque é ahí onde están os millores caladoiros (tres centos)….
Gostaría de coñecer o papel que lle reservan ao principio de precaución cando se especifique o da industria eólica e distribúan coa pesca. Porque se está a poñer en perigo a despensa de millóns de persoas- Está a darse prioridade á industria multinacional ante a pesca galega e nacional, ás enerxías renovables que tamén o mariñeiro defende ao igual que o fai co cambio climático ou a soberanía alimentaria.
Deixóuno nídiamente claro José Antonio Pérez Sieira, presidente dos pósitos galegos: “Non falamos só do pescador. Tamén o facemos da industria, das lonxas, do transporte, de todo o sector mar-industria e dos pobos da costa”.
É evidente: pesca-eólicos poden existir no mar sempre e cando a eólica non interfira a actividade pesqueira.
Concordamos dunha vez?.
A ver qué acontece a vindeira semana en Asturias, onde novamente se terán que xuntar mariñeiros de ambas as comunidades.