A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou este 2 de marzo a vila de Palmeira, onde puido comprobar o avance dos traballos impulsados dende o seu departamento (Consellería do Mar) para mellorar a mobilidade e a accesibilidade do peirao palmeirán. Traballos que comezaron no mes de setembro nos cales a Xunta inviste 675.000 euros. Na súa visita estivo acompañada do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, e o patrón maior de Palmeira, Miguel Antonio Franco Parada.

Lenguas e Ruiz lembraron que o obxectivo das obras é “transformar este espazo de integración entre o porto e a vila eliminando barreiras visuais e redeseñando a imaxe da dársena para facela máis operativa para os profesionais do mar e atractiva para os veciños e visitantes”.
Lenguas recordou tamén “que se trata dunha actuación de referencia no ámbito da integración porto-cidade, baseada nun anteproxecto do prestixioso arquitecto David Chipperfield e a Fundación RIA”.
As obras en execución supoñen a primeira fase dun proxecto global máis amplo e céntranse na intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 metros en liña da fachada marítima.
A presidenta de Portos explicou que “até o de agora executáronse todos os bordes de obra e as canalizacións e que actualmente se está a traballar na grada grande de conexión co mar, que se atopa xa en estado moi avanzado”. Tamén salientou que “tanto esta grada como outra máis pequena, ambas integradas sobre o propio noiro do paseo, conforman un dos principais atractivos do proxecto”.
O conxunto das obras “prevé a mellora do espazo público e da mobilidade mediante a ampliación da zona peonil a carón do mar sobre a coieira existente, eliminando a barreira visual que supón o actual muro de peche”, concretou, engadindo que ao “abeiro deste proxecto crearanse novos espazos de lecer e mellórase a conexión do paseo co mar”.
Susana Lenguas explicou que con estes traballos “ordénase a circulación rodada a través da execución de pasos peonís elevados, que conectan o resto dos espazos públicos e a zona residencial co propio paseo”.
Así mesmo, inclúe a renovación integral de pavimentos e mobiliario urbano. Neste sentido, lembrou que a conservación destas obras unha vez estean executadas corresponderá ao Concello en virtude dun convenio asinado con esta finalidade.



