Ribeira será a capital do fútbol base cun torneo solidario a prol da Fundación Aladina e co apoio de CONGALSA

24 Marzo 2023

O días 20 e 21 de maio vaise celebrar o Torneo Internacional CONGALSA de Fútbol Base Concello de Ribeira a favor da fundación Aladina, que proporciona axuda e apoio a nenos e adolescentes enfermos de cancro e ás súas familias. A presentación contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o xefe territorial Roberto García; Isabel Cañas, directora de relacións externas de CONGALSA, patrocinadora do evento; Julio Mariño no nome da organización; e o alcalde Manuel Ruiz.

Vanse dar cita un total de 53 equipos, dos cales 27 farano en categoría alevín e 26 en benxamín. Entre os clubs representados figuran o Villareal, o Zaragoza, o Atlético de Madrid, o Betis ou o Parquesol de Valladolid, amén do Oporto, o Braga, o Benfica e o Entente Sportive Bouaffle de Francia. A nivel galego haberá equipos das catro provincias, entre eles o Lugo, o Deportivo, o Celta, Pavillón Ourense, e diversos equipos do Barbanza, comezando polo Cidade de Ribeira, club colaborador.

Mariño subliñou que o principal obxectivo desta iniciativa é “axudar á fundación Aladina, aínda que tamén implicará un retorno económico para a zona, ata o punto de que dende que fai tres meses case todos os hoteis da contorna están completos nesas datas”.

Mariño tamén agradeceu o apoio da empresa alimentaria CONGALSA, con sedes na Pobra do Caramiñal e en Ribeira, e do resto de patrocinadores, entre eles Ramiro Carregal que tamén quixo colaborar a título persoal e non puido estar presente no acto deste venres 24 de marzo.

Isabel Cañas manifestou que dende CONGALSA “non dubidamos en apoiar este evento, posto que combina os valores desta empresa, como o traballo en equipo, a solidariedade e a actitude positiva, na confianza de que con esa combinación o torneo vai ser un éxito absoluto”.

José Ramón Lete subliñou a aposta que dende Ribeira sempre se fixo polo deporte, e manifestou que dende a Secretaría Xeral inténtase corresponder, por exemplo organizando eventos como o celebrado o pasado luns coa gala do Premios do Deporte Galego 2019-2022, ou co-financiando o módulo cuberto de atletismo e artes da Fieiteira licitado a semana pasada, complexo que foi visitado xa por 13 empresas interesadas no proxecto.

Tamén mostrou o propósito de seguir apoiando este torneo internacional, que despois de seis edicións (o ano pasado celebrouse en Boiro) está “a consolidarse”, dixo, “como un dos máis importantes de fútbol base de Galicia”. Tamén fixo unha referencia especial aos patrocinadores, como CONGALSA ou Ramiro Carregal.

Manuel Ruiz agradeceu á organización que pensara en Ribeira para organizar esta proba internacional, que ademais ten un importante fin social. “Torneos como estes sensibilizan á poboación e nós como Concello esperamos tamén estar á altura e faremos unha doazón individual”, dixo, ademais de resaltar o papel dos patrocinadores como CONGALSA ou Ramiro Carregal.

Outros artigos

Falece unha ribeirense de 50 anos atopada no chan da súa casa

Unha muller de 50 anos, cuxa identidade responde as iniciais T.M.M., faleceu esta noite na súa casa da céntrica Rúa Méndez Núñez, de Ribeira. Segundo informa o Diario de Arousa , foi a súa parella a que ao redor das oito do serán chamou o 112 para comunicar que non...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...