Tres veciñas de Castiñeiras entregaron na mañá deste martes na Oficina de Atención Cidadá do concello de Ribeira un escrito, avalado por case tres mil sinaturas, esixindo a mellora do servizo de transporte público. Explicaron que remitirán dita documentación á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, á Comisión de Ordenación Territorial e a Monbus. Solicitan reunirse con representantes de cada organismo para abordar os problemas.
Marivén Franco foi a que emprendeu a campaña de recollida de firmas e contou coa axuda de Pilar Lixou e Nela Abella.
Estas veciñas consideran que “deben mellorarse de forma inminente a puntualidade dos autobuses, que en ocasións nin sequera aparecen; a ausencia de horarios en moitas marquesiñas e a falta de claridade dos existentes”.
No seu escrito, as veciñas de Castiñeiras expoñen tamén que “a frecuencia dos autobuses é escasa e que non se recolle a posibilidade de realizar transbordos sen custo para ir, por exemplo, ao hospital comarcal, polo que os veciños das parroquias que teñen que cambiar de autocar no centro de Ribeira vénse obrigados a abonar dous billetes e destacaron amais o pésimo estado dalgúns dos autobuses”.