Defenderse é un dereito e a este acóllese o sector das eólicas mariñas que, a través do Foro Eólico Mariño (plataforma que se confesa “con vocación social e participativa”) confesa ter como obxectivo “aglutinar o interese común de actores sociais e económicos, académicos e de investigación tanto públicos como privados” en torno a unha mesma fin: dar pulo aos proxectos eólicos mariños nas costas españolas como sector estratéxico e tractor do progreso social e económico de España.
Este foro enxerga os intereses de máis de 265 organizacións que participan dun ou doutro xeito no desenvolvemento da eólica mariña en España: fabricantes, promotores, empresas da cadea de valor, sindicatos, estaleiros, portos, colexios profesionais, universidades, centros tecnolóxicos e de I+d+i, asociacións e profesionais. Unha entidade este Foro que asegura ter tras sí máis de 100.000 empregos, ningún deles -que se saiba- ligado ao sector pesqueiro.
Nun comunicado difundido días pasados, o Foro defendía a súa idea de instalar 3.000 megavatios de potencia eólica frotante fronte ás costas de España en 2030, proposta que, como é sabido corresponde ao Goberno, e que este xa mandou vai tres anos un Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima no que estabelecía ese horizonte (entre 1.000 e 3.000 megavatios de potencia eólica mariña) como obxectivo 2.030 para España. O sector dixo estar listo para asumir a empresa, e o Goberno deu o seguinte paso ao elaborar os Plans de Ordenamento do Espazo Marítimo (POEM) que ordena máis dun millón de quilómetros cadrados de augas territoriais españolas xa aprobados e que priorizan a defensa nacional, a conservación do medio mariño e a navegación mariña, deixando tamén fora de discusión a defensa do medio ambiente e a navegación marítima así como a discusión por canto a defensa do medio ambiente é prioritaria. O Goberno entende que a prioridade debe estar sempre do lado dos navegantes.
A futura actividade eólica mariña está restrinxida, a día de hoxe, a 19 polígonos ubicados fronte a 8.000 quilómetros de costas españolas. Estes 19 polígonos suman 5.000 quilómetros cadrados, menos do 0,05% das augas ordenadas, pero nas que se deberán instalar 200 aeroxeradores de 15 megavatios de promedio cada en seu. Deste xeito, en 2030 bastaría con 200 muiños para obter o obxectivo estipulado: 3.000 megavatios, que ocuparán o 0,09% das augas españolas pero obrigarían a perder o seu posto de traballo a non menos de 10.000 mariñeiros.
Malia todo a industria eólica mariña mantén que os seus parques eólicos “beneficiarían á industria pesqueira” porque “constrúen arrecifes artificiais que atraen vida” (nada din os promotores da idea de que espantan aos peixes e que poden prexudicar a existencia de aves e mamíferos mariños); benefician os portos, estaleiros e a súa contorna porque dan pulo á actividade industrial e, deste xeito, á creación de emprego e o desenvolvemento de zonas en moitos casos en situación socioeconómica crítica; e benefician o coñecemento e a conservación do patrimonio natural (algo que custará moito traballo crer dada a experiencia da eólica terrestre en comunidades como a galega).
Unha resolución gobernativa posterior (a Declaración Ambiental Estratéxica) formula a declaración ambiental dos POEM e elimina a categoría de uso prioritario para a enerxía eólica mariña , algo que non se correspsonde coa realidade actualmente; reduce en máis dun 38% as zonas compatibles cos parques eólicos mariños inicialmente identificados no borrador para, ao parecer, “facilitar a coexistencia coas actividades pesqueiras” e reducir esas zonas en varios casos para minimizar a interacción dos parques nesa zona coa pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle na zona Noratlántica.
Moito por debater, ainda.