O PSdG de Noia emitiu un comunicado no que amosa a súa preocupación polo novo Centro de Saúde. Segundo afirman no comunicado, o Concello “parece buscar desesperadamente anunciar o proxecto antes das eleccións, aínda a costa da propia viabilidade e calidade da infraestrutura”. Lembran tamén que “se ben no convenio asinado coa Consellería de Sanidade acordouse a cesión dunha parcela de arredor de 1900m2, o propio alcalde confirmou nunha entrevista a pasada semana que ten pensado entregar tan só 1400m2”. Os socialistas consideran que “se trata dunha infraestrutura de abondo importante, seria e custosa como para non ter trazada unha ruta clara e definida, ruta que parece non existir neste momento”.
Dende o PSdG noiés afirman que “este cambio no tamaño das plantas, de producirse, tería un impacto enormemente negativo sobre a infraestrutura, xa que ao reducir o tamaño do terreo en case un 25% obrígase, en última instancia, a construír máis andares, co problema de mobilidade que iso supón”.
Ademais, sinalan que “a falta de previsión e planificación que se está a dar pode provocar problemas posteriormente, relacionados coa falta de equipo ou de aparcamento”.
O PSOE convida tamén ao Goberno local “a non comprometer o futuro dos veciños e veciñas de Noia en materia sanitaria en busca dun anuncio electoral”. E engaden: “O problema residiría nunha mala xestión económica e nunha nula capacidade negociadora, que impediu que un dos propietarios da parcela restante aceptase vendela ao Concello”.
O comunicado conclúe deste xeito: “Nós somos críticos coa xestión que se vén facendo nos últimos anos arredor do tema do Centro de Saúde, a golpe de promesa pero sen traballo real, pero polo de agora, era só unha cuestión de desidia. A nosa preocupación agora é que non se dean pasos en falso que comprometan a calidade dos servizos sanitarios das próximas décadas”.