O Consistorio de Ribeira acolleu na mañá deste 24 de marzo a presentación de actos de Semana Santa, unha axenda organizada pola Unidade Pastoral de Ribeira que este ano vén con varias novidades, en parte derivadas de encomendar nunha mesma persoa as parroquias de Santa Uxía, Corrubedo, Olveira e Artes, e tamén, segundo se fixo saber na presentación, “porque a xuventude vai ter unha presenza específica no calendario de actividades”. O acto contou coa participación do párroco Alfonso Mera, o diácono Mateo Aguado; Puri Cores e Carmen Pena en representación das Asociacións Amas de Casa e Alfaia; e María Sampedro como concelleira de Cultura e tenente de alcalde.

Alfonso Mera debullou as distintas citas tradicionais, como por exemplo o Domingo de Ramos, a celebración da Santa Cea no Xoves Santo para dar paso a continuación á Procesión do Paso ás 21 horas. No Venres Santo haberá o sermón do encontro no adro da Igrexa (11.30 horas), o Desencravo (19 horas) e a procesión do Santo Enterro (21 horas). O Sábado Santo celebrarase a vixilia pascual e para finalizar terá lugar o Domingo de Resurrección con misas solemnes nas distintas parroquias.
Via crucis desde Corrubedo
Máis aló destes actos, Mateo Aguado aludiu a outros momentos pensados para a mocidade, como a Hora Santa Xoven do Xoves Santo ás 23 horas ou un Via Crucis previsto para o Venres Santos ás 10.30 horas, saíndo dende o faro de Corrubedo e rematando na igrexa de San Xián de Artes tras pasar tamén pola igrexa vella de Olveira. Outro punto central será a celebración da vixilia pascual na noite do sábado en Ribeira.
Carmen Pena informou de que na Procesión do Paso contarase cuns oitenta participantes, entre confrades, costaleiros, etc. e que quen se desexe sumar pode poñerse en contacto coa Asociación Alfaia ou coa propia parroquia. Puri Cores mostrou a disposición da asociación que preside a seguir axudando a dar máis auxe en Semana Santa.
Pechou a presentación María Sampedro, quen destacou a dimensión cultural e de encontro social que ten a Semana Santa con independencia do seu carácter relixioso, e tamén tivo palabras para a forza da imaxe do cartel e en particular ás mans que se ven na fotografía de Lesmes, pertencentes a unha persoa que “botaremos de menos”: as mans de Leliña.




