O Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira deu cabida a unha nova exposición da man da Asociación Galega da Enfermidade de Dent.

A mostra está elaborada por Hugo Yáñez dentro da iniciativa Art For Dent. Este autor é un rapaz de nove anos foi diagnosticado da enfermidade de Dent en 2019. Trátase dunha doenza sen tratamento que afecta gravemente ó funcionamento dos riles.

A obras, versións de Francis Bacon, xurdiron durante o confinamento pola COVID-19 como unha terapia familiar e tamén co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade minoritaria.

A exposición, inaugurada este martes 7, poderá visitarse ata o 28 deste mes. Ademais organizaranse visitas grupais guiadas os días 21 e 28 previa reserva no 981 83 86 50.
O acto inaugural contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura María Sampedro, e do artista e profesor de artes plásticas Fernando Yáñez, pai de Hugo, quen o guiou na composición das obras que forman parte da mostra, e que, como dixemos, versionan algunhas das pezas máis coñecidas do artista Francis Bacon.
Tal e como explicou Fernando, este é un proxecto artístico que naceu no confinamento, a raíz do diagnóstico a Hugo da enfermidade de Dent. Naceu polo tanto como unha terapia familiar a través da pintura e como unha proposta coa que se pretende dar a coñecer dita doenza, moi minoritaria cuns 10 casos diagnosticados en Galicia e 50 en España. Neste senso, destacou que todo o que se fai a través de Art of Dent (a Asociación Galega de Enfermidade de Dent, xurdida no 2021) ten por obxectivo dar visibilidade a esta doenza e apoiar a súa investigación.

Manuel Ruiz subliñou o acerto deste tipo de iniciativas para “abrir os ollos a cousas que non coñecemos” e loou o talento do artista, que animou a que sexa visitado polos veciños, ao igual que fixo María Sampedro, quen resaltou a riqueza cromática e dinamismo das creacións expostas.
O público vai poder coñecer de primeira man como foi o proceso de creación de cada unha destas pezas a través dos códigos QR que están a carón das mesmas e que nos remiten a distintos vídeos nos que se pode ver a Hugo elaborando as obras.
A mostra está a realizar unha itinerancia por distintos lugares da nosa comunidade, chegando agora mesmo dende Vigo a Ribeira, onde estará ata o 28 de marzo.



