O BNG rexistra novas iniciativas para resolver os problemas do transporte público na Barbanza

29 Marzo 2023

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada pobrense Rosana Pérez Fernández e do deputado Paulo Ríos Santomé, presentou unha proposta para ser debatida en pleno relativa ao transporte público en Barbanza, concretamente ao servizo que ofrece a empresa Monbus na nosa comarca. No alicerce da proposta está o que o BNG cualifica de dous anos de incidencias que están a padecer as cidadás e cidadáns dos nosos concellos “por mor dos variados e reiterados incumprimentos da empresa concesionaria do transporte público, Monbus, na zona”.

    O BNG explica que “as queixas sucédense dende o momento en que se puxo en marcha o Plan de Transporte Público de Galiza e as novas concesións da Xunta”. Isto motivou varias iniciativas do Bloque Nacionalista Galego que foron trasladadas á Cámara galega nestes últimos anos e “foron e seguen a ser moitas, cada vez máis, as persoas que nos fan chegar a nós, e tamén á Administración galega, os problemas continuos do transporte público que lles dificultan a vida de xeito insoportábel”, sinala o BNG.

    O grupo lembra tamén que en apenas un ano “leváronse a cabo na Barbanza, ademais doutras actuacións, tres recollidas de sinaturas entre a cidadanía para denunciar os incumprimentos de Monbus e da propia Xunta. Miles de persoas que expresaron o seu malestar e a súa denuncia e que están fartas das incontábeis deficiencias dun servizo esencial e absolutamente imprescindíbel no noso país. O mal funcionamento das liñas dentro de cada concello, entre concellos da comarca, entre comarcas (nomeadamente, entre A Barbanza e Muros e Noia) e entre a comarca e outros puntos do país (nomeadamente, a capital de Galiza) faise insoportábel”, explican dende o BNG, poñendo o foco en incidencias concretas como o incumprimento de horarios, os adiamentos inxustificados e mesmo autobuses que non pasan nas horas indicadas; un transporte incapaz de atender ao alumnado dos centros da comarca e, en moitos casos, sendo os pais e nais dese alumnado quen realiza a función de “transporte escolar” que debera garantir a Xunta; a escasa e impuntual conexión co Hospital da Barbanza, e mesmo cos Hospitais de Conxo e Clínico de Santiago; o estado dos autobuses é nalgúns casos calamitoso que non garanten o dereito ao acceso a persoas con dificultades de mobilidade; etc.,

    Os nacionalistas engaden que “ademais do anterior, que se recolle en numerosos atestados policiais, temos constancia que a empresa concesionaria nega sistematicamente as follas de reclamación a quen llas demanda, incumprindo cando menos a Lei 4/2013, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galiza, e a Lei 2/2012, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias”.

    Para o grupo, o Goberno galego “non pode continuar permitindo que se produzan estas gravísimas situacións, non pode seguir consentindo o incumprimento da lei e o desprezo polos usuarios e usuarias por parte da empresa concesionaria e debe obrigala a poñer fin de xeito urxente a este despropósito”. E engade: “As queixas e as denuncias levan tempo chegando aos correspondentes departamentos da Xunta sen que se tomen as medidas necesarias para garantir un servizo esencial como o é un transporte público de calidade ao que a cidadanía ten dereito”.

    Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno:

    – Dar cumprimento ao acordo unánime do Parlamento galego do 28 de abril de 2022 en todos e cada un dos seus puntos (acordo no que se fixaba o compromiso de garantir o cumprimento das condicións do concreto, e mesmo de abrir os expedientes que foran precisos e interpoñer as sancións oportunas).

    – De constatarse a persistencia dos incumprimentos continuos e reiterados da empresa concesionaria do transporte público na Barbanza, a súa falta de respecto polos usuarios e usuarias e as súas demandas e o incumprimento da lei, levar a cabo todas as actuación legais precisas para esixirlle responsabilidades por danos e prexuízos, contemplando mesmo a rescisión do contrato actual”.

    Outros artigos

    Publicidade

    Revista en papel

    Opinión

    “Oporto”. Alberto Barciela

    “Oporto”. Alberto Barciela

    Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...