O BNG cualifica de “trato de favor” a actitude do PP coas eléctricas por permitir a apertura de comportas durante o marisqueo e autorizar os vertidos de San Finx

21 Marzo 2023

A deputada e portavoz de Pesca do BNG, a pobrense Rosana Pérez, cualificou a actitude do Goberno autonómico do PP coas eléctricas de “trato de favor“, por permitir, sinalou, “a apertura de comportas en período de marisqueo e autorizar os vertidos tóxicos da mina de San Finx á ría de Muros- Noia”.

A través dunha moción, a nacionalista criticou que “a conselleira do Mar, Rosa Quintana persista en manter a falsidade de que a produtividade das rías galegas mantén unha tendencia positiva”. Pérez dixo tamén que no mes de xaneiro do 2023 “vendéronse en lonxa 263 toneladas de ameixa e berberecho cando no 2017 foron 423 toneladas”. No mes de xaneiro de 2020, 356 Tn e no ano 2021, en plena pandemia, 297 Tn. “Esta é a tendencia positiva para o Partido popular?”, preguntou.

Os datos, dixo , “non se interpretan, son unha realidade por moito que o Partido Popular pretenda disfrazalos e a información”, recalcou a nacionalista, “constata o que están a padecer as mariscadoras e mariscadores todos os días nas praias como consecuencia da incompetencia e da negación sistemática da Consellería do Mar dun problema grave e que existe dende hai anos”.

Apertura de comportas das eléctricas en período de marisqueo

Rosana Pérez engadiu que “a Xunta permite a apertura das comportas dos encoros coa baixa mar e en pleno período de traballo”, como aconteceu os días pasados no encoro do Tambre, dixo, e engadiu: “Non só poñen en perigo os bancos marisqueiros senón tamén ás propias traballadoras do mar”.

Pérez esixiu ao Goberno galego un “regulamento, non só de desaugado, senón tamén de limpeza dos encoros, que se recollan sancións aos responsábeis no caso de incumprimentos e que paguen indemnizacións ás mariscadoras e confrarías, que son as que levan décadas sufrindo o seu desleixo e a súa total complicidade coas grandes eléctricas”, remarcou a nacionalista.

A mina de San Finx

Ademais, Rosana Pérez criticou a autorización de Augas de Galicia para autorizar o vertido de 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada de San Finx, que implica, dixo, a autorización da actividade mineira: “Hai autorización para os vertidos residuais industriais co obxectivo de poñer de novo a mina en funcionamento e por iso reclamamos con esta moción que se avalíe o impacto que se podería producir no caso de non paralizarse a autorización de Augas pero, sobre todo, pedimos que recoñezan nula de pleno esa autorización, porque non ten o preceptivo informe de avaliación ambiental”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...