Noia converterá o complexo da fábrica de Cadarso en centro de día, albergue e centro de interpretación da industria dos curtidos

23 Marzo 2023

O inmóbel principal da antiga fábrica de curtidos da Chaínza, en Noia, vaise converter en centro do día. Os detalles do proxecto veñen ser compartidos polo Concello, que informou que se conta cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros para os traballos construtivos, aos que se engaden 180.000 para cubrir o subministro e habilitación de equipamento. O novo centro día agárdase que dea servizo a 60 persoas, tendo capacidade para atender a 15 persoas doentes de alzhéimer. Polo que se refire ás restantes construcións da fábrica de curtidos Cadarso, o plan é habilitar un albergue turístico (con dúas ducias de prazas e cun custe de 470.000 euros, financiados con cargo ao Fondo de Cooperación de Medio Ambiente, o Concello e AGADER) e máis un centro de interpretación do sector tradicional do curtido, que foi un dos grandes piares económicos do territorio.

Segundo confirmou o Concello, está previsto que as obras comecen logo do verán. O alcalde, Santiago Freire, confirmou que o seguinte paso é que a Dirección Xeral de Patrimonio dea luz verde definitiva ao proxecto de transformación, que será co-financiado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Política Social e Xuventude e o Concello.

Como dixemos, o centro de interpretación porá o foco na industria do curtido, e levará parello un fondo traballo de restauración e recuperación, non só da estrutura mesma do inmóbel, senón tamén da realidade histórica dun sector que foi clave na comarca durante os pasados séculos (dende comezos do século XVIII até ben entrado o século XX).

O proxecto do recuperación tamén inclúe a mellora e acondicionamento dos predios lindeiros, que se converterán en área de lecer.

O Concello salientou que unha das grandes vantaxes deste plan para converter a antiga fábrica de curtidos en centro de día e punto turístico é a súa proximidade do centro urbano, xa que está só a algo máis de medio quilómetro do mesmo, ocupando, por outra banda, unha paraxe de gran beleza natural e paisaxística, na parroquia de Obre. A factoría foi un dos grandes referentes da industria galega do coiro, até o seu abandono no século XX e a súa posterior adquisición por parte do Concello en 2010.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...