A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este luns 20 de marzo o porto de Portosín, co obxectivo de informar dos detalles dos proxectos que impulsa o Goberno galego para a contorna litoral da vila. Os detalles fóronlles achegados á Confraría de Pescadores e ao Club Náutico de Portosín, entre outras entidades. Na visita Quintana estivo acompañada do rexedor, Luis Oujo. Boa parte da información achegada pola conselleira puxo o foco na proposta técnica deseñada pola Xunta para mellorar o abrigo da dársena e ampliar atraques pesqueiros no peirao. O proxecto elaborado por Portos suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros, dixo, engadindo que está previsto dotar a contorna dun dique flotante para protexer a dársena do mar e do vento así como a instalación de peiraos flotantes profesionais para mellorar as condicións de amarre da frota.
A titular de Mar salientou que “as actuacións previstas dan resposta ás necesidades trasladadas polas distintas entidades usuarias das instalacións” e consisten, dixo, n”unha solución elixida entre catro propostas técnicas para abrigar a lámina de auga do porto e habilitar novas prazas de atraque para as embarcacións profesionais”.
Rosa Quintana, que tamén estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o proxecto técnico seleccionado pasa pola instalación dun dique de abrigo flotante de 120 metros de lonxitude e construír peiraos flotantes para habilitar espazos de amarre para 17 embarcacións nas proximidades da nave de redes do porto.
Engadiu tamén que os traballos levan aparellada “a execución dunha dragaxe nas inmediacións do dique flotante para habilitar unha canle de entrada ao peirao e, en conxunto, o prazo de execución de todas as actuacións unha vez que poidan iniciarse é de seis meses”.
Neste sentido, a conselleira subliñou que a Xunta está “en disposición de continuar co expediente para a contratación das obras”, pero debe esperar a contar co informe favorábel de Estratexias Mariñas que foi solicitado ao Goberno central en outubro do ano pasado.
Quintana engadiu que as obras pretenden mellorar “a operatividade e a protección das embarcacións ante as inclemencias meteorolóxicas e marítimas”, poñendo o foco nas características dun porto (o de Portosín) no que conflúen varios factores que redundan na súa importancia, como a presenza do sector náutico-recreativo e tamén do pesqueiro, coa frota de cerco como a máis importante. “Ao longo do ano operan nel arredor dunha trintena de buques, pero nalgúns momentos roldan os 40 pola chegada de embarcacións procedentes doutras comunidades como o País Vasco ou Cantabria”, explicou, engadindo que “coas actuacións previstas ampliarase a área de atraque e liberaranse espazos nos peiraos”.
A representante do Executivo galego incidiu durante a visita en que Portos de Galicia tamén está a ultimar dous proxectos técnicos no porto de Porto do Son, tanto a nova nave de redes como a dotación de máis departamentos para os usuarios do peirao.