Este 14 de marzo unha delegación da Asociación de Empresarios de Ribeira, encabezada polo seu presidente, Francisco Martínez Gude, o secretario da mesma e o arquitecto contratado para cooperar no desenvolvemento dos traballos do novo polígono do concello, desprazouse até Santiago para manter unha xuntanza co conselleiro de Economía e vicepresidente da xunta, Francisco Conde. Na delegación, os representantes da patronal ribeirense trasladaron a Conde as inquietudes que teñen sobre as obras do novo polígono. Segundo reflectiron, o conselleiro manifestoulle á patronal a súa total disposición e compromiso, así como o da Xunta, para con este proxecto, e comprometeuse en facer todo o posíbel para que a obra chegue a bo porto.

Ante a solicitude da delegación da Asociación para que A Xunta acometa os traballos necesarios para adaptar a rotonda da Carballa, posibilitando así a ligazón coa estrada de acceso ao polígono que será ampliada pola Deputación da Coruña, Conde expresou o seu respaldo comprometéndose a contactar co departamento de Infraestruturas, “para que acometa as obras precisas para ese efecto”.
O conselleiro tamén achegou o seu apoio ás empresas para a obtención do financiamento preciso que lles permita optar á compra e edificación das súas parcelas.
A patronal tamén compartiu co titular de Economía a súa axenda de actividades de dinamización comercial e empresarial para esta tempada, entre as que se contan a Feira Viamare, unha nova edición do Salón de Híbridos e Eléctricos así como a Feira Gastromar. Para todos estes eventos a asociación solicitou axuda e presenza institucional.
“Queremos agradecerlle ao conselleiro tan cordial acollida, así como o compromiso adquirido de apoio para todas e cada unha das peticións que lle presentamos, convidándolle a estar presente na inauguración e desenvolvemento daquelas ás que a súa axenda permítalle asistir”.



