O Concello de Boiro está a facer entrega de bolsas reciclábeis e envases compostábeis ao comercio local mediante unha liña de subvencións en especie ao abeiro do programa para a modernización do Centro Comercial Aberto de Boiro financiado con fondos Next Generation. O concelleiro de Comercio, Marcos Fajardo, e o presidente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), Daniel García, falaron na mañá deste xoves 30 de marzo do subministro de materiais que se está a realizar nestes días.
A liña de subvencións convocouse para os establecementos comerciais de Boiro, empresas que realizan a súa actividade empresarial fora do establecemento, postos do Mercado Municipal ou establecementos de hostalaría.
Os comercios tiveron oportunidade de solicitar servizos de posicionamento en buscadores en liña (SEO), bolsas aproveitábeis e envases compostábeis, xornadas de formación en mercadotecnia dixital e outros servizos como de transporte.
O presidente da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), Daniel García, destacou “o gran traballo que se levou a cabo entre o Concello e a ABE para conseguir esta subvención que ten como finalidade a modernización dos comercios de Boiro”.
Estes materiais e servizos foron financiados mediante unha subvención que o Concello de Boiro recibiu da Secretaría Xeral de Industria, dependente do Ministerio de Industria e Turismo, por importe de 237.641 euros de fondos Next Generation UE para o impulso comercial e a modernización mediante a transformación dixital sustentábel nos mercados municipais. “Trátase dun proxecto ambicioso que engloba moitas liñas que van redundar directamente no impulso do noso comercio local”, afirmou o concelleiro Marcos Fajardo.
Ademais destas subvencións en especie para o comercio boirense, a abeiro desta subvención vanse levar a cabo outras liñas de actuación como son melloras no Mercado Municipal de Boiro, a instalación de cargadores de vehículos eléctricos e unha billeteira automatizada. “Fomos un dos primeiros Concellos en facernos con esta liña de axudas e subvencións do ministerio cun proxecto que contempla máis de dez liñas de actuación destinadas a impulsar o noso comercio”, afirmou o alcalde.