Cambios na orde de regulación de Rúa e o illote de Areoso

25 Marzo 2023

A instancias do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, esta semana tivo lugar en Santiago unha reunión do rexedor municipal e máis o seu homólogo de Illa de Arousa, Carlos Iglesias, coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, coa fin de abordar a tramitación actual da orde reguladora dos usos públicos e as melloras permitidas e autorizables en illa de Rúa e arquipélago dos Guidoiros.
Na xuntanza a titular autonómica comunicou que a Xunta de Galicia está a introducir unha serie de melloras e cambios, logo de analizar as 375 alegacións e achegas recibidas por parte do Concello de
Ribeira e outras administracións locais, autonómicas e estatais, empresas que operan na zona, sociedades de pescadores, entidades ambientais e cidadáns particulares, entre outros.
Neste sentido e coa fin de enriquecer e mellorar o texto normativo, a directora xeral explicoulles aos alcaldes as principais novidades e modificacións propostas no contido da orde e que, segundo indicou,
se centran nos usos e actividades permitidos e autorizables dentro do espazo integrado por este conxunto de illas e illotes.
En concreto, increméntanse en tempada alta de 100 a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso pero sen alterar a súa capacidade de carga. A tal fin, explicou que se introduce unha terceira quenda de visitas fronte ás dúas previstas inicialmente —do amencer ao mediodía; do mediodía ata as 16:00 horas; e das 16:00 horas ata o solpor— de forma que se reduce o tempo de estadía para incrementar a cambio as frecuencias.
As autorizacións diarias de fondeos e atraques no medio insular increméntase tamén nun 50 % tanto durante a tempada alta como na baixa.
Ademais, entre os usos e actividades permitidos incorpórase o acceso á illa da Rúa e ao illote Pedregoso fóra do período de cría (é dicir, de marzo a xuño), o mergullo recreativo e deportivo en apnea, e tamén a pesca recreativa en todo o ámbito (salvo nos 200 metros que rodean o Areoso). De igual xeito, no caso dos usos autorizables previo permiso introdúcense tamén o mergullo recreativo e deportivo en grupos e con equipos autónomos, salvo na zona balizada no illote do Areoso.
Por último, Belén do Campo tamén se referiu á introdución dunha disposición adicional na orde co fin de “recoller explicitamente”, de acordo coa normativa estatal, a liberdade de navegación en toda a lámina de auga do ámbito afectado pola regulación, co fin de evitar, segundo dixo, posibles interpretacións erróneas.
Adaptacións na nova aplicación
As modificacións introducidas sobre todo no relativo aos cupos de visitantes, fondeos e atraques, tal e como explicou a directora xeral, fan necesario adaptar a aplicación habilitada pola Consellería para
que as persoas interesadas en acceder a este espazo poidan tramitar os correspondentes permisos. Por esa razón, indicou que a posta en práctica da nova regulación, unha vez se complete a tramitación da
orde e sexa aprobada, está prevista para este verán.
En todo caso, do Campo trasladoulles a ambos rexedores que durante a Semana Santa e en previsión de que poida haber nesta época unha maior afluencia ao illote de Areoso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reforzará a presenza do seu persoal na zona co fin de garantir un aproveitamento público axeitado e que a tempada discorra sen incidentes.
Neste sentido, incidiu en que todos os cambios previstos mellorarán a futura orde de usos e actividades, un instrumento que, tal e como lembrou, responde á vontade de colaboración amosada por todas as
administracións e colectivos implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural. Deste xeito, búscase combinar o interese turístico crecente desta zona coa protección dos notables valores e recursos naturais que concentra e que, de feito, espertan tamén un grande interese desde o punto de vista científico, cultural e medioambiental.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...