As obras de mellora da seguridade na ponte Ceilán estarán rematadas nos vindeiros días

24 Marzo 2023

As obras de mellora da seguridade viaria na Ponte Ceilán, na AC-550 ao seu paso polos concellos de Noia e Outes, están a piques de rematar. O alcalde de Noia, Santiago Freire, sinalou este venres 24 de marzo que “nestes días estanse a instalar as novas luminarias LED na beira noiesa, polo que agardamos que nos próximos días poidan entrar en servizo e dar así resposta a unha demanda da veciñanza, que verá incrementada de forma moi significativa a seguridade viaria na zona”.

Esta mellora da seguridade viaria na ponte sobre o Tambre unirase “ás xa realizadas coa instalación das luminarias na glorieta de Orro, que dá acceso á variante de Noia e á Autovía Santiago-Noia”, apuntou Santiago Freire, engadindo que estas obras están a ser executadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que inviste case 446.000 euros, e que despois serán recibidas polos Concellos de Noia e Outes, entidades que se encargarán do seu posterior mantemento.

Ademais da optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante o cambio do alumeado previo por un novo con tecnoloxía LED, os traballos incluíron tamén a substitución das varandas de ambas as dúas marxes da ponte, que se atopaban deterioradas.

Os labores iniciáronse coa retirada dos restos de musgo e plantas existentes nos bordos exteriores do taboleiro mediante auga a presión. Despois retiráronse as varandas e aplicouse morteiro para tapar os ocos e aplicarlle un tratamento de impermeabilización previos á instalación de novas varandas de aceiro galvanizado: máis de 1.100 metros de varanda renovada para cubrir os 535 metros do viaduto en tramos de 6 metros, que chegaron prefabricados e pintados do taller para así facilitar a súa instalación.

O alcalde noiés agradeceu “a paciencia dos veciños e veciñas, sobre todo polos cortes de tráfico precisos para o desenvolvemento dos traballos nestes últimos meses”. Porén, amosouse convencido de que esta actuación “permitirá aos viandantes transitar pola Ponte Ceilán con moita máis seguridade ao tempo que contribuirá a embelecer a contorna”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.