A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria en Croído, no concello de Lousame, que ten o obxectivo de “crear unha beiravía transitábel, pavimentar e ampliar a calzada e dar continuidade ás redes de saneamento, pluviais e iluminación”, segundo detallaron fontes da institución provincial.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asinaron este mércores 1 de marzo o convenio polo que a administración provincial aporta 70.000 euros, o 69% do orzamento total, que ascende a 101.577 euros.
Os traballos a levar a cabo consisten como dixemos na execución dunha beiravía transitábel, a ampliación da vía ata acadar un ancho de 5 metros, o asfaltado desta, a canalización de tubaxe de PVC para a recollida de augas pluviais, a instalación de pozos de rexistro para as augas residuais e a instalación de novas luminarias LED. Por último, realizarase a sinalización horizontal e a colocación de tres sinais de Stop.



